A chispa do caso Sonia Iglesias reavivouse
Por Natalia Puga
En menos de medio ano deste 2018 chegaron as mellores e as peores noticias na investigación sobre a desaparición de Sonia Iglesias o 18 de agosto de 2010. O 20 de febreiro amencía cun amplo operativo policial despregado nunha casa propiedade da familia de Julio Araújo -ex parella de Sonia- no barrio de San Amaro para buscar restos humanos e calquera vínculo coa moza pontevedresa e a partir de aí sóubose que a causa xudicial que arquivaran en 2015, en realidade, estaba reaberta desde mediados do ano anterior, de 2017. A satisfacción da familia non se fixo esperar, pero durou pouco, pois en xuño volvía arquivarse.
O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra reabrira a causa para mediados de 2017 tras ter na súa poder un informe policial con pistas que así o recomendaban. Tras esa reapertura, autorizáronse dilixencias de investigación que realizaron a Policía Nacional e a Fiscalía durante meses sen que saísen á luz, pois a causa estaba declarada secreta.
Ese segredo saltou polo aire en febreiro, con ese vistoso rexistro realizado por unha trintena de axentes entre efectivos de distintas unidades da propia Comisaría de Pontevedra -de seguridade cidadá e da Policía Científica- e outros desprazados desde a Xefatura Superior de Policía de Galicia e da Comisaría Xeral da Policía Científica de Madrid. Foron dous días de rexistro que permitiron recoller múltiples probas que se analizaron durante os meses seguintes, tanto in situ no laboratorio policial móbil que estivo durante dous días en San Mauro como posteriormente na propia Comisaría pontevedresa e en dependencias policiais en Madrid.
A análise desas probas permitiu localizar algún perfil xenético nos restos recollidos, pero o auto de arquivo conclúe que se trataba de perfís indeterminados, que non levaron aos investigadores a ningún sospeitoso nin tampouco permitiron atopar vestixios de que Sonia Iglesias estivese na vivenda.
A vivenda foi, durante unha tempada, lugar de residencia da propia Sonia, nos inicios da súa relación con Julio Araújo, pois era de propiedade da familia del. Unha hipótese policial apunta a que a moza estivo nela tras a súa desaparición en agosto de 2010, pero este extremo non puido confirmarse a pesar do concienciudo rexistro realizado polos investigadores tanto na casa como na leira traseira e nun terreo que separa a construción -agora deshabitada e en venda- e a capela de San Mauro.
En febreiro, tras ese rexistro e outro realizado nun coche dun familiar do irmán de Julio, David Araújo, abandonado nun taller de Vilalonga (Sanxenxo), foron citados a declarar na Comisaría en calidade de investigados os irmáns Araújo. Tras esa declaración en sede policial non foron chamados a declarar no xulgado e non chegaron a estar investigados xudicialmente.
Julio Araújo si estivo investigado xudicialmente ata o primeiro arquivo da causa en 2015, pero co arquivo deixou de estalo. Nesta nova fase das investigacións, non chegaron a citalo nesta condición e tan só foi sometido a un interrogatorio na Comisaría. Tanto el como o seu irmán acolléronse ao seu dereito a non declarar.
A finais de xuño a causa volveu arquivarse, de modo que non permaneceu nin un ano aberta. En todo caso, aínda que as dilixencias policiais e xudiciais realizadas non arroxaron resultados que xustifiquen manter o proceso xudicial, a Policía Nacional e a Fiscalía continúan traballando no caso, que é unha espiña cravada en ambas as institucións.
En concreto, hai un equipo específico de dúas persoas dedicadas en exclusiva a este traballo e reciben apoio permanente desde o corpo policial en Madrid que seguena a dar pasos. O pasado 20 de setembro, de feito, a pesar de que a causa estaba arquivada, volveron realizar rexistros en dous pozos e unha tumba, de novo, sen exito.
Relacionadas:
-
A Policía Nacional busca novas pistas sobre a desaparición de Sonia Iglesias en dous pozos e unha tumba
Por Natalia Puga & Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Maricarmen Iglesias: "Non nos importaría agardar outros oito anos se o resultado final é levar ao culpable ante a xustiza"
Por Natalia Puga |
-
Arquivan de novo a causa xudicial aberta pola desaparición de Sonia Iglesias
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Julio Araújo, investigado polo homicidio de Sonia Iglesias
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Alejandro Espiño |