Elnosa pon fin a súa presenza en Lourizán: entre todos a pecharon e ela soa pechou

Por Anxo Lourido

© Mónica Patxot

© Diego Torrado

© Mónica Patxot
Elnosa-Electroquímica do Noroeste S.A.U. confirmaba o venres 23 de novembro que pechaba definitivamente a súa unidade industrial en Pontevedra. A actual propietaria da empresa, Bondalti, sinala que mantén a actividade comercial en Galicia e a base loxística no porto de Vigo, pero a produción de cloro será na fábrica que adquiriron en Torrelavega.
Esta información chegaba tras un longo período de tensión entre o goberno local e o autonómico, coa participación da empresa e o cadro de persoal, que protagonizou numerosas protestas en contra do goberno do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, contrario á permanencia da electroquímica en Lourizán.
INICIOS DE ELNOSA EN PONTEVEDRA
O 15 de decembro de 1971 o Ministerio de Obras Públicas outorgaba a Elnosa a concesión de ocupación dunha parcela de 12.587 metros cadrados na zona marítimo terrestre na ría de Pontevedra para que instalase unha fábrica de cloro e outros produtos anexos. Desde entón desenvolvía esta actividade nestes terreos, primeiro dentro do complexo industrial que compartía con Ence e posteriormente con independencia, pasando por mans de diferentes entidades industriais.
ACORDO PARA O TRASLADO
Atrás queda o acordo que en outubro de 2013 adquirira o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, coa empresa para levar a cabo un cesamento ordenado da actividade produtiva en Lourizán, que estaba prevista a partir do inicio de 2017. Aquela iniciativa respondía á finalización da concesión de dominio público dos terreos en 2018 e a intención da Xunta de trasladar a cloreira a outro punto na contorna.
A dirección de Elnosa, adquirida a inicios deste século pola compañía CUF-Quimigal, asumía o compromiso de buscar emprazamentos alternativos ao da ría pontevedresa. Con todo, o acordo quedou en nada co paso dos anos. A empresa, que na última década pasou a denominarse Bondalti, entendeu ante a concesión da prórroga a Ence que a súa situación era similar e que, por tanto, debería permanecer nos terreos de Lourizán.
Pero a empresa víase tamén afectada por unha decisión da Unión Europea, que obrigaba a partir do 11 de decembro de 2017 a eliminar o uso de mercurio no proceso de produción do cloro. Esta normativa provocou dúbidas na empresa lusa pendente da prórroga da concesión á hora de estudar a posibilidade de seguir investindo en Pontevedra nunha nova tecnoloxía.
Pola súa banda, continuaba a oposición manifesta tanto do goberno local como de colectivos ecoloxistas como a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), que continuaban realizando actos en contra da presenza da factoría en Pontevedra e reclamando o seu peche inmediato.
CAMBIO DE POSTURA
A Xunta de Galicia variou o seu posicionamento nos últimos anos. Pasou de presionar á empresa pidindo o traslado acordado a apostar pola súa presencia en Lourizán, poñendo a necesidade de industrias e de postos de traballo como base para a súa nova actitude respecto á cloreira. Deste xeito, concedíalle a autorización ambiental integrada para manter a súa permanencia na ría, pero a empresa continuaba sen obter o elemento imprescindible: a prórroga da concesión.
O goberno central presidido polo popular Mariano Rajoy e actualmente polo socialista Pedro Sánchez gardaban silencio, ata que neste mes de decembro o Ministerio de Transición Ecolóxica notificaba o remate desa concesión.
Ao longo dos últimos meses desenvolvéronse varios ERE's en Elnosa, unha vez que se confirmaba que non podía traballar con mercurio. Agora está previsto que 17 integrantes do plantel pontevedrés marchen en 2019 a Torrelavega, a traballar na factoría que está acondicionando a multinacional portuguesa en terras cántabras. Un grupo minoritario do persoal foi contratado por Ence. Boldanti agarda que lle leve dous anos o desmantelamento do material industrial e a limpeza da zona que ocupaba nos terreos marítimo-terrestres de Lourizán.
A APDR considera que a marcha de Elnosa é un éxito colectivo da sociedade pontevedresa, "que loita desde hai xa demasiado tempo pola recuperación da ría".
Relacionadas:
-
O Ministerio para a Transición Ecolóxica comunica a caducidade da concesión de Elnosa
Por Redacción |
-
Última protesta dos traballadores de Elnosa coas maletas preparadas para marchar a Torrelavega
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
APDR celebra o peche de Elnosa e acusa á empresa de ser os "únicos responsables"
Por Redacción |
-
Elnosa confirma o peche da factoría e culpa o Concello pola súa "oposición destrutiva"
Por Redacción |
-
A saída de Elnosa da ría, en suspenso ata que se resolva a caducidade da súa concesión
Por Alejandro Espiño |
-
A fin de Elnosa é o "primeiro paso", segundo o BNG, para acabar coa "desfeita" na ría
Por Alejandro Espiño |
-
Elnosa anuncia aos traballadores a súa intención de pechar o 29 de xullo
Por Alejandro Espiño |