Rafa Domínguez: "O único que neste momento contemplo é gobernar en solitario"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"Médico. Enamorado de Erica. Padre de Rafita. Siempre busco el lado positivo de las cosas. Candidato a la Alcaldía porque sueño con una Pontevedra mejor", así se describe Rafa Domínguez (Pontevedra, 1976) nos seus perfís nas redes sociais.
Este especialista en Medicina Interna é o coordinador de urxencias no Hospital QuironSalud Miguel Domínguez, o centro sanitario fundado polo seu avó e que logo xestionaron o seu pai e o seu tío. Parecía ter a súa vida encarrilada, por iso o primeiro que lle preguntamos é Que lle leva a ser o cabeza de lista do PP? Por que se mete en política?
Son varios motivos, un é que a política é francamente moi bonita nalgúns aspectos. Faiche coñecer xentes de Pontevedra que doutro xeito non coñecerías. Sobre todo faiche coñecer a túa cidade. Coñeces persoas, coñeces xente, é unha experiencia vital incrible.
...e logo hai unha segunda parte…
…e é de amor a Pontevedra. O meu principio e final está en Pontevedra. Non teño intereses en irme a outro sitio. E eu en Pontevedra vexo que hai cousas por facer e por riba de todo falta o futuro e o traballo dun fillo que teño. O meu fillo Rafa ten oito anos e eu non sei que futuro vai ter en Pontevedra porque economicamente Pontevedra se está a marchitarse.
É unha cidade preciosa pero falta darlle contido económico. Eu quero que Pontevedra evolucione, creza e mellore. Por iso dei ese paso á fronte.
Advertíronlle da dureza da política local?
Si. O maior problema é a familia. Eu teño todo o apoio da miña muller. A miña muller e o meu fillo non me fixeron nunca ningún reproche, son tamén os que perden máis.
Como sería o primeiro día de Rafa Domínguez como alcalde?
A primeira medida é retirar o recurso do Concello de Pontevedra contra Ence, a segunda é a retirada da "persoa non grata" a Mariano Rajoy, porque non hai que insultar a ninguén. Se eu teño maioría absoluta non se me ocorre nomear a Lores "persoa non grata", non é o estilo da xente do Partido Popular nin o meu. E a terceira é baixar os impostos, pero hai tantas, tantas cousas que facer...
Cal sería a prioridade durante o seu mandato?
O emprego é fundamental para Pontevedra. Somos a cidade coa taxa de paro máis elevada das sete grandes cidades de Galicia. Pontevedra non pode ser só bonita, que é preciosa e vai ser máis bonita, e o modelo vai manter e vaise a aumentar e vaise a mellorar.
Como é o "modelo de Pontevedra" que leva no seu programa o PP?
Facer obras nos barrios periféricos: Mollavao, A Parda, A Seca,… e sobre todo as parroquias, que están abandonadas, seguen cos mesmos problemas de hai 20 anos, é unha vergoña. O PXOM para as parroquias vai ser fundamental.
Supoño que coñece o dito "as obras no rural custan moito pero locen pouco"
Se pero non podemos permitir que haxa pontevedreses de primeira e de segunda. Eles pagan os seus impostos e necesitan ter os seus servizos e o transporte público. Un plan de mobilidade é ter transporte público.
Faríalle algún tipo de cambio ao plan de transporte da Xunta?
O programa de transporte da Xunta é bo pero eu creo que nós o podemos mellorar.
Que mantería e que corrixiría do modelo de cidade implantado polo BNG?
Que quede claro, Lores leva 20 anos e os primeiros anos fixo cousas boas pola cidade e hai que agradecerllo, punto. Agora mesmo perdeu o norte, por exemplo, o plan de compostaxe comunitaria é unha auténtica vergoña. Non funciona, non é eficaz, non reciclamos máis, ao contrario cada vez enviamos máis lixo a Sogama. Gastamos o diñeiro dos pontevedreses e temos desde fai catro anos uns terreos alugados para unha planta que nin sequera se sabe se se vai a facer. Está a tomarnos un pouco o pelo e, é máis, conta co rexeitamento veciñal.
Non podes ter un conflito cos teus propios funcionarios aos que maltratas dunha forma prepotente. Hai moitísimas cousas que hai que facer…
Falemos das festas, que quere facer con elas o PP?
As festas hai que mantelas e potencialas. Por exemplo, un acerto de Lores foi a Feira Franca, hai que mantela. Outro acerto de Lores é traer as festas populares ao centro.
Propón máis do mesmo?
Aquí as festas fixéronas ben. Pero bueno, podes traer outros grupos musicais, podes buscar outras formas de potenciar a festa. A min non me gustan as peñas, hai que melloralo dalgunha forma para non dar ese aspecto lamentable. Tes que involucrar a toda a hostalería para que participen eles e poidan gañar tamén en peñas.
E coa feira taurina propón algún cambio?
A min non me gustan os touros pero entendo que economicamente para Pontevedra son bos, traen a moita xente de fóra, na cidade hai unha historia taurina e mentres sexan legais en España eu non teño nada que dicir.
Con quen estaría disposto a pactar en Pontevedra o Partido Popular de Rafa Domínguez?
Non me vas a sacar desta frase: A miña vontade é gobernar en solitario. Neste momento o meu único obxectivo é gobernar en solitario.
Iso pecha tamén a posibilidade dun acordo de investidura? Que outros partidos lle dean o seu apoio como alcalde para que o PP poida gobernar
Non se quen me vai a votar ou non, o único que neste momento contemplo é gobernar en solitario.
Esconde ese posicionamento algunha crítica á postura do PP nacional deixándose querer por Cidadáns e VOX?
Non son eu ninguén para criticar a ninguén a nivel nacional, non. Bastantes problemas teño en Pontevedra xa para criticar. Eu estou moi contento coa actitude do partido a nivel provincial e galego e estou moi contento de como está a me tratar a min o partido a nivel nacional.
Moi contento… pero nos seus carteis apenas se ve o logotipo do PP
Está, está, se o buscas está, está en todos. E non renego de ser do PP.
ENCE, cal é a postura do Partido Popular?
Eu teño a postura do Partido Popular de Pontevedra. Se alguén sabe que Ence contamina por encima dos niveis europeos, que son os máis severos que hai, ten que ir inmediatamente ao fiscal porque é un delito ecolóxico. Ata agora ninguén me demostrou que Ence contamina ou que incumpra algunha das normativas. O que se me demostrou é que hai 800 familias directamente en Pontevedra máis miles e miles que indirectamente traballan con Ence. Pontevedra é a cidade con máis paro de Galicia, se lle quitamos Ence onde imos?
A ENCE cando lle deron 60 anos a min sinceramente pareceume que era demasiado tempo
Faime moita graza os que din que hai que trasladala, que digan como, cando, onde e a que custo.
E que siga aí a perpetuidade?
Bo, a min 60 anos parecéronme moito. Eu non entro neses detalles. Cando lle deron 60 anos a min sinceramente pareceume que era demasiado tempo, pero eu non podo entrar niso. Eu digo que a día de hoxe pechar Ence é unha tolemia.
Estráñame que o alcalde que leva 20 anos cobrando do concello vaia contra a empresa que máis dá. Non a queren aquí e en Navia o alcalde está encantado porque todo o investimento que viña para aquí, que son centos de millóns de euros, xa vai para Navia. Por tanto xa empezamos a desinstalar Ence, porque unha empresa cando non se actualiza e non se inviste…
O programa electoral o PP inclúe a aposta por pechar o ciclo do papel cunha fábrica en Pontevedra.
Xa que temos o malo por que non ter o bo? Por que non ter o ciclo completo que xera máis riqueza en Pontevedra e que sería bo para todos? Cantas máis empresas veñan para Pontevedra, mellor.
Como lle gustaría que a cidadanía lembrase un mandato de Rafa Domínguez como alcalde?
Como o dunha profunda transformación de Pontevedra. Converter unha Pontevedra que agora mesmo é hostil coas empresas nunha Pontevedra cunha actividade económica crecente. Lembrarme como aquel que deseñou a Pontevedra do futuro cun novo Plan Xeral, como aquel que instalou o transporte público, que xerou emprego para as familias, como aquel que abriu Pontevedra á ría, así me gustaría que me lembrasen.
Moitas das cuestións que citou durante esta entrevista dependen doutras administracións. Como se expón a súa relación con elas? Deputación, Xunta, Estado, Unión Europea.
Ti tes que pedir e tes que esixir. Eu como presidente do PP local, desde o minuto un, estou a pedir a dragaxe da ría e teño o compromiso de que o ano que vén se dragará. E se alguén que está na oposición, despois de facer tres mil chamadas e dar todo o tempo por saco consegue iso, que non conseguirá como alcalde? Hai que coordinarse con outras administracións dunha maneira nobre. Pedir para os cidadáns, non só para os seus. Eu non quero un alcalde que estivese máis veces en París que en Monte Porreiro.
Pontevedra é o primeiro para min, moi por enriba das siglas de partido e moi por enriba de calquera persoa
Aínda que o lema de campaña do PP é "Unha Pontevedra Capital" vostede repite máis iso de "Pontevedra por encima de todo", é como o "American first" de Donald Trump
Non é por iso, é porque me sae. Eu nacín en Pontevedra, vivo en Pontevedra, traballo en Pontevedra e dentro de moitos anos, se Deus quere, morrerei en Pontevedra. A política é unha etapa da vida, pero eu vou seguir sendo de Pontevedra.
Cando eu levo tres meses no PP local e vexo un proxecto da Xunta de Galicia do PP de Feijóo e di que a ampliación da depuradora en Lourizán chega ata a igrexa eu digo que non pode ser. Sabía que me podía ir á rúa en calquera momento, que dirían onte chega aquí un rapaz e xa nos di o que temos que facer… eu non podo estar de acordo con iso, porque vai contra Pontevedra. Non vou buscar votos aí, vou buscar o que creo que é bo para os veciños de Pontevedra.
Eu, o día que o Partido Popular me poña na tesitura de ter que votar algo que sexa moi prexudicial para a miña cidade prefiro irme. Grazas a Deus teño unha profesión e podo dedicarme a iso. Polo tanto, Pontevedra é o primeiro para min, moi por enriba das siglas de partido e moi por enriba de calquera persoa. Eu por tanto todo o que fago e que farei sempre polo ben de Pontevedra e defendendo a Pontevedra.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez aposta por "unha revolución fiscal" que permita axudar ás empresas
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |
-
Rafa Domínguez (PP) comprométese a eliminar todos os composteiros comunitarios do centro de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez arríscase na súa protesta contra o exceso de lombos
Por Redacción |