Só pode quedar un, quen será o próximo alcalde de Pontevedra?
En apenas quince días, os pontevedreses estaremos chamados ás urnas. Tócanos elixir ao próximo alcalde. Nove candidaturas, todas elas encabezadas por homes, competirán por liderar o goberno municipal co que Pontevedra chegará, salvo imprevistos, ata 2023.
As próximas eleccións municipais, que se celebrarán o domingo 26 de maio, poñerán o broche a unha campaña que, a recado, resultará tremendamente intensa. Hai moito en xogo e os partidos sábeno.
O rival a bater será Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), alcalde de Pontevedra desde 1999. Optará ao seu sexto mandato consecutivo. Os nacionalistas tratarán, como mínimo, de repetir o resultado logrado hai catro anos: doce concelleiros dos vinte e cinco da corporación.
O PP, pola súa banda, cambia de candidato. O elixido para tratar de recuperar a Alcaldía dunha cidade que se lles resiste desde hai vinte anos é Rafa Domínguez. As súas opcións pasan, en todo caso, por mellorar os sete edís que os populares tiveron no último mandato.
Tino Fernández, actual portavoz do PSdeG-PSOE, repetirá por segunda vez como cabeza de cartel dos socialistas. Animados polo éxito electoral de Pedro Sánchez nas recentes eleccións xerais, móstranse convencidos de aumentar os seus tres concelleiros actuais.
O cuarto candidato en liza tampouco é un novato. Luís Rei volve presentarse como a referencia de Marea Pontevedra, que contará coa ex tenente de alcalde, Teresa Casal, como número 2. Este tándem non se conforma con repetir os dous edís que Marea logrou en 2015.
E Cidadáns, por último, é outro dos que optou por cambiar de candidato. A actual portavoz María Rey deixa paso a un dos seus máis estreitos colaboradores, Goyo Revenga. O seu reto, aumentar a presenza do partido na Boa Vila, limitada actualmente a un único edil.
Xunto a estas cinco candidaturas, outros catro partidos loitarán por lograr representación na corporación municipal coa que Pontevedra entrará na segunda década do século XXI.
Os que máis posibilidades terían, segundo as enquisas previas, serían Podemos -en coalición con Esquerda Unida- e VOX. A formación de Pablo Iglesias preséntase por vez primeira co seu actual coordinador, José Ramón Otero, á fronte; mentres que os de Santiago Abascal optaron por un funcionario municipal, Manuel Torres, ex jefe de Bombeiros.
Tamén entra en liza Compromiso por Galicia, que volve presentarse ás municipais na cidade e, nesta ocasión, faino con Andrés Núñez como candidato, un enxeñeiro técnico agrícola que toma a substitución de Pili Dopazo.
PontevedraViva reuniu a estes oito candidatos para a foto que ilustra esta reportaxe, un momento de unión antes da gran batalla pola Alcaldía, que comeza esta mesma noite.
Unha novena candidatura, Cidadáns por Galicia, tamén se presenta a estes comicios. Este diario tentou poñerse en contacto, sen éxito, co seu candidato Roberto Quinteiro para que participase nesta sesión fotográfica previa á campaña.
Relacionadas:
-
Rumbo ao 26M: compara as propostas dos partidos no ámbito deportivo
Por Natalia Puga |
-
Rumbo ao 26M: consulta as propostas dos partidos para o rural pontevedrés
Por Natalia Puga |
-
Rumbo ao 26M: compara as propostas dos partidos para a promoción económica de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Rumbo ao 26M: consulta as propostas dos partidos para o modelo urbano pontevedrés
Por Natalia Puga |
-
Podemos-EU-Son en Común presenta en dixital o seu programa para estas municipais
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra creará un evento artístico anual para presumir da calidade da Facultade de Belas Artes
Por Redacción |
-
Rumbo ao 26M: compara as propostas dos partidos en materia cultural
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Debate no Sánchez Cantón: Que entenden vostedes por política?
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A chuvia desloce a tradicional pegada de carteis para as eleccións municipais
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |