O BNG presenta unha nova entrega do cómic de Lórix en clave de humor
Por Oskar Viéitez
O BNG presentou este sábado unha nova edición do cómic de Lórix creado polo ilustrador Kiko da Silva que servirá de apoio gráfico á campaña electoral e aos repartos que o candidato e o seu equipo farán a partir da vindeira semana por toda a cidade e polo rural.
O Lórix Magazine recupera personaxes coñecidos como Lórix, Mosquérix, Raimúndix, Anabélix... pero incorpora novas figuras como Rafa Domingus ou A Xabarina da TVG, entre outros. Reproduce a vida na apacible cidade de Pontevedrum "poboada por irredutibles galegos" arrodeados polo imperio PPromano. Como novidade tamén inclúe dúas historietas "Vox e os trogloditas" e "Revengatechos".
Esta segunda edición do Lórix publicarase en dúas partes. A primeira xa está na rúa e o desenlace da historia coñecerase nunha segunda edición que verá a luz a vindeira semana. Ambas tiradas serán de 20.000 exemplares cada unha.
Na presentación do cómic, o candidato Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado de Anabel Gulías, Eva Vilaverde, Demetrio Gómez, César Mosquera e Raimundo González, ademais do autor da banda deseñada Kiko da Silva.
A número 2 da candidatura, Anabel Gulías, explicou que o obxectivo do BNG é "facer unha campaña de sorrisos e unha aposta pola creatividade". Lembrou que primeiro foi a creación da canción "Cara adiante" e "agora encargamos o Lórix a un mestre da banda deseñada, emprendedor da cidade e estamos moi orgullosos de que Kiko aceptase".
O candidato do BNG destacou que "na campaña era importante incorporar a creatividade e o sentido do humor" e insistiu que "para nós (o BNG) isto non é nada anormal na forma de entender o mundo".
Lores explicou que "cando falamos de cidade, falamos de todas as súas potencialidades" e no caso da banda deseñada "temos a sorte de ter a Kiko da Silva, que é unha figura internacional e que é director do único centro de formación de banda deseñada: O Garaxe Hermético".
Confía en que este tebeo lle guste aos pontevedreses "e agardo que non se ofendan os outros contrincantes políticos" e engadiu que o cómic "recolle o que realmente hai de fondo na cidade". Deulle os parabéns ao autor e amosou a súa esperanza de que o segundo número "sexa igual de simpático".
O autor da publicación asegurou que para el era unha "honra e reto" volver a participar na campaña electoral do BNG e salientou que o reto era "tentar sorprender con algo que xa fora sorpresa hai catro anos". Afirmou que "foi unha volta de torca. Foi máis complicado e tamén máis divertido" e tiña claro que "había que continuar co Lórix porque xa é un clásico".
Relacionadas:
-
O BNG impulsará unha plataforma que agrupe as vendas 'online' dos comercios de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG considera "fundamental" para Pontevedra completar a A-57 ata Curro
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG estuda darlle un uso cultural á vella casa consistorial da Praza de España
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores pide non confiarse o 26M e votar ao BNG para que Pontevedra "non volva atrás"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, o "exemplo" cara o que mira o BNG para estender o seu modelo municipal a toda Galicia
Por Redacción |