O BNG quere converter a rúa Serra nun referente para os creadores noveis
Por Redacción
Negociar cos baixos baleiros do entorno do Mercado para convertelos nun espazo para proxectos creativos noveis. É unha das propostas estrela que, no eido do apoio á creación cultural, incluíu o BNG no seu programa electoral.
Estes espazos que se habilitarían na rúa Serra, segundo avanzou Miguel Anxo Fernández Lores, estarían pensados para que poidan acceder a eles proxectos de especial interese e con condicións económicas accesibles.
Foi unha das ideas que o candidato á reelección polo BNG presentou na Casa da Luz nun encontro con empresas do sector creativo da cidade.
O alcalde explicou que a economía creativa é un concepto "novidoso e perfectamente definido" pola Unesco, que fala de bens e servizos que teñen que ver con actividades culturais, investigación ou desenvolvemento e que contempla manifestacións como software, arquitectura, videoxogos, gastronomía ou moda.
O BNG aposta por sumar sinerxías para lograr que as empresas creativas de Pontevedra se convertan nun referente en toda a península.
Así, Fernández Lores anunciou que a Sétima Feira ten un acordo para levar os emprendedores e creadores de Pontevedra ao Mercado da Cebada en Madrid o próximo mes de setembro.
O candidato indicou que o "salto adiante" na promoción do sector será coordinar todo o movemento de creación cultural a través de encontros que se sucederán no edificio municipal de Santa Clara, baixo o paraugas do proxecto Redeira, "que supón a interconexión e colaboración das empresas para seguir avanzando".
O BNG tamén defenderá facer unha especie de central de compras municipal para facilitar a estas empresa a contratación de certos servizos "con economía de escala".
Relacionadas:
-
Así é o mercado de novos creadores que se proxecta na Rúa Serra
Por Alejandro Espiño |
-
Sétima Feira di ata logo cun exitoso peche de tempada e volverá despois do verán
Por Redacción |
-
Lores asegura que Pontevedra será a primeira cidade con capacidade para cumprir coa normativa europea de compostaxe
Por Redacción |
-
Pontevedra será en tres anos a primeira cidade "totalmente saneada" de Galicia, di o BNG
Por Redacción |
-
O BNG impulsará unha plataforma que agrupe as vendas 'online' dos comercios de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG considera "fundamental" para Pontevedra completar a A-57 ata Curro
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG estuda darlle un uso cultural á vella casa consistorial da Praza de España
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |