O BNG aposta por modernizar a administración local para atender as novas prioridades da sociedade pontevedresa
Por Redacción
"Acompasar a administración local ás necesidades reais e actuais dos pontevedreses" é un dos puntos "irrenunciables" do BNG para os vindeiros catro anos de goberno municipal. "É necesario que tanto organigramas, formas de xestión, comunicacións, colaboracións... que o Concello mantén coa sociedade muden para adaptarse a unha veciñanza que modificou as súas prioridades", aseguran os nacionalistas.
O candidato do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores e o seu equipo, queren facer fronte a esa "imprescindible adaptación do Concello ás demandas dos veciños de Pontevedra", e esta profunda remodelación "só será posible se o BNG obtén a maioría suficiente para gobernar con folgura o vindeiro mandato".
"Resulta evidente que a sociedade pontevedresa estase adaptando aos novos tempos en todos os seus eidos: na xestión empresarial, no comercio, no tipo de cultura que consume... E para unha cidade 4.0 innovadora, punteira, avanzada, que ten prioridades distintas e demandas singulares, é necesario unha administración que resolva a ese nivel de esixencia. É dicir, é preciso un Concello 4.0 para unha sociedade 4.0", sostén no seu programa o Bloque.
O candidato Miguel Anxo Fernández Lores explicou que o BNG "vai a facer un cambio substancial da administración modernizándoa de maneira que atenda a todas as demandas que os cidadáns esixen", que ten que ver "cunha cidade máis complexa".
Para levar adiante esta necesaria conversión e actualización da maquinaria administrativa e "cubrir as necesidades reais dos pontevedreses", o BNG aposta por unha profunda reconfiguración dos diferentes departamentos e servizos do Concello "para modernizalos, racionalizando organigramas, optimizando recursos a través da eficiencia e a busca da calidade na prestación do servizo".
Entre as moitas medidas que se contemplan, o BNG explica que aproveitará a incorporación de novos espazos municipais (sede de Ferreiros, por exemplo) para "garantir e mellorar as sinerxías entre departamentos dando unha resposta acaída e rápida aos veciños e veciñas".