Rafa Domínguez (PP) comprométese a eliminar todos os composteiros comunitarios do centro de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O candidato popular á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, escenificou este domingo, pico en man, o seu compromiso de retirar todos os composteiros comunitarios situados no centro de Pontevedra. Fíxoo diante dos composteiros situados na rúa Eduardo Pondal cuxa instalación xerou un forte rexeitamento veciñal.
Asegura que "o plan de compostaxe do BNG de Lores foi un fracaso". "Gastáronse 1,5 millóns de euros, pero Pontevedra continúa enviando actualmente máis residuos a Sogama que en 2015. Foi un absoluto malgasto", declarou.
Domínguez aposta por manter a compostaxe individual no rural e implantar o sistema de recollida de lixo porta a porta na zona urbana, incentivando ás comunidades de veciños cun desconto do 25% no recibo. Os que non participen seguirán pagando o mesmo.
Os populares lamentan tamén que "o BNG de Lores" non tivese en conta a opinión veciñal á hora de instalar composteiros comunitarios en zonas como Monte Porreiro, Eduardo Pondal ou Ponte Boleira.
"Fixeron todo sen diálogo, xerando o enfado de numerosos veciños dos nosos barrios", puntualizou o alcaldable do PP. "A instalación dos composteiros comunitarios non conta con apoio veciñal, xeran cheiros…", sinalou o candidato popular que se pregunta polo lugar onde se van a instalar os composteiros comunitarios na zona monumental ou en Benito Corbal.