O BNG porá en marcha "no prazo máis curto posible" o seu transporte a demanda
Por Alejandro Espiño
Un transporte a demanda que será "pioneiro e diferente" que busca resolver os problemas de mobilidade dos ciudanos con solucións "do século XXI". Así será, segundo Miguel Anxo Fernández Lores, o proxecto que o BNG se compromete a poñer en marcha "no prazo máis curto posible" se conserva a Alcaldía da cidade.
Fernández Lores, que ademais dos membros da súa candidatura estivo acompañado polo tesoureiro dos taxistas de Pontevedra, avanzou que este transporte será "ecolóxica e economicamente sostible", aproveitará os recursos "existentes" e estará coordinado cos servizos que prestan outras administracións e o propio sector do taxi.
O BNG entende que as necesidades derivadas da dispersión da poboación "non se resolven" con propostas "clásicas" como o feito de ter "autobuses baleiros dando voltas polas corredoiras".
O actual alcalde asegura que se debe ter en conta os "novos métodos" de desprazamento que hai na sociedade actual e, ao mesmo tempo, as "alternativas modernas" que facilitan aplicacións e tecnoloxías que permiten coordinar unha rede de transporte.
Os nacionalistas esperan que este transporte a demanda poida dar servizo ás parroquias, de forma que os veciños do rural poidan desprazarse en vehículos de baixa capacidade, como taxis ou pequenas furgonetas. Os horarios nos que funcione, os puntos aos que se dirixa e a frecuencia deberán ser negociadas cos sectores implicados.
Ademais, prevé coordinar coa Xunta o transporte necesario para dar continuidade ao eixo interubano entre Poio, Pontevedra e Marín, para o que ven "imprescindible" a existencia de tres roteiros: Marín-Pontevedra-Montecelo, Poio-Pontevedra-Montecelo e Pontevedra-Montecelo-Monte Porreiro-O Burgo.
A este respecto consideran que será necesario definir coa Xunta, co movemento asociativo e coas empresas do sector o número de liñas, a frecuencia de viaxes e o percorrido para cumprir os criterios de "eficiencia social, económica e ecolóxica".
O BNG tratará tamén de negociar coa Xunta as liñas do transporte metropolitano, poñer en marcha dun sistema informático para xestionar o transporte público a demanda ou mellorar a conexión entre Pontevedra e Vigo, priorizando a instauración dun tren de proximidade.
Relacionadas:
-
O Concello encargará un estudo para determinar como se implanta o transporte a demanda
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pontón afirma que o BNG é a "garantía" para que Pontevedra "siga avanzando"
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG aposta por crear un gran parque urbano natural na Xunqueira da Gándara
Por Redacción |
-
Para o BNG será unha "prioridade absoluta" o mantemento dos espazos públicos
Por Redacción |
-
O BNG aposta por modernizar a administración local para atender as novas prioridades da sociedade pontevedresa
Por Redacción |
-
Lores asegura que Pontevedra será a primeira cidade con capacidade para cumprir coa normativa europea de compostaxe
Por Redacción |
-
Pontevedra será en tres anos a primeira cidade "totalmente saneada" de Galicia, di o BNG
Por Redacción |