O PSOE dá voz á súa candidatura nun vídeo de campaña "serio" fronte a cómics e "xente cantando polas rúas"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A candidatura do PSOE ás eleccións municipais do próximo 26 de maio deu a coñecer este luns o seu vídeo de campaña, unha peza audiovisual que en 2:44 minutos repasa as principais propostas do seu programa electoral da man de boa parte dos integrantes da lista e doutros socialistas destacados como o histórico Roberto Taboada ou a secretaria local do partido e subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
Yoya Blanco, Iván Puentes, Paloma Castro, Marcos Rey, Ada Otero, Yeyo Pérez Agulla. Rafael Cotelo, Ángel Mario Lago, Carmen Alfonso, Rita Doval, Christian Fernández ou Héctor Santaló expoñen os seus proxectos para mellorar Pontevedra ao ritmo da canción 'Desorden' de Dorian e utilizando emprazamentos do centro da cidade, pero tamén de barrios como Monte Porreiro, a propia Ría de Pontevedra desde o mar ou parroquias como Ponte Sampaio.
O candidato á Alcaldía, Tino Fernández; o autor do vídeo, Víctor Moreno; o xefe de campaña, Pedro Vila; e o responsable de campaña, Jesús Iglesias, presentaron este luns o vídeo, que de momento só se pode ver a través de Vimeo, pero a partir do mércores dará o salto a outras plataformas.
Por unha Primavera Socialista from Víctor Moreno García on Vimeo.
O vídeo apostou por "dar voz ás persoas que non teñen voz", de maneira que, ademais de darlle protagonismo a distintas persoas da candidatura, tamén lle deron o seu espazo a persoas con algunha discapacidade sensorial, para que amosaran que moitas veces aínda teñen dificultades para moverse por certas rúas de Pontevedra.
Tino Fernández pediu a Victor Moreno que optase por un vídeo "serio e respectuoso cos votantes", xa que considera que os pontevedreses precisan ser "tratados con máis respecto que cun cómic ou cun vídeo de xente cantando polas rúas", en clara crítica á campaña do BNG coa que Miguel Anxo Fernández Lores opta á reelección.
Ademais de optar pola seriedade e de criticar que os nacionalistas están a fiar toda a campaña ao logrado nos últimos 20 anos na Alcaldía sen presentar propostas de futuro, Tino Fernández tamén quixo que a peza audiovisual recollera que a súa candidatura ten "vocación feminista, integradora e diversa", un espírito que caracteriza ao PSOE como partido que "defende sempre os intereses de todos os colectivos e das minorías".
O autor puxo de relevancia o carácter dinámico do vídeo e que son os propios candidatos os que presentan as diversas propostas, "dun xeito moi sincero e que ten que ver coas súas profesións, oficios e contornos". Así, baixo o lema "Por unha primavera socialista... Pontevedra é da xente", atópanse mensaxes como "Polos nosos barrios, pola nosa xente", "Polas nosas parroquias, pola súa xente", "Por unha Pontevedra saudable"; "Pola mobilidade de todas e todos", "Polo comercio local, polo noso futuro", "Polo rural, pola nosa xente", "Por un xénero diverso, pola igualdade"; "Polos nosos maiores, por unhas pensións dignas". E, como colofón, o lema da campaña de Pedro Sánchez ás eleccións xerais:"Fai que pase".
Relacionadas:
-
A política local, con voz de muller: "Queremos a metade de todo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PSOE pecha filas ao redor de Tino Fernández: "Non hai que dar ningunha batalla por perdida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PSOE tira de enxeño e de 'vesTino': "Non temos café nin cómics, só ideas para Pontevedra"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O PSOE eliminará a taxa por apertura de establecemento e bonificará cun 50% no IAE ás empresas que inicien actividade
Por Redacción |
-
78.000 pasos e moita lambetada para dar a coñecer a mensaxe socialista
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PSOE reivindica a 'nova Deputación': "O arcoiris non lle pertence a ninguén e as institucións perténcenlle ao pobo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |