Para o BNG será unha "prioridade absoluta" o mantemento dos espazos públicos
Por Redacción
O candidato do BNG ás municipais, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que se os cidadáns renovan a súa confianza no seu equipo o goberno municipal fará un "esforzo orzamentario" para converter o mantemento dos espazos públicos nunha "prioridade absoluta".
O actual alcalde asegura que estes espazos públicos deben manterse como áreas de "alta calidade, accesibles e seguras", polo que tamén redobrarán o traballo en materia de control, de xestión, de seguridade e de mantemento de todos os elementos do mobiliario urbano.
Fernández Lores sinalou que o contacto directo coa veciñanza será fundamental para este propósito, de aí a participación a través dos consellos parroquiais ou de ferramentas dixitais que permitan comunicar calquera deficiencia e resolvela "no prazo máis curto posible".
O BNG dará resposta, engadiu o líder nacionalista, ao "grao de esixencia elevadísimo" que teñen os pontevedreses poñendo todos os recursos da administración municipal ao servizo do sostemento e coidado do espazo público.
Así, mellorarán todas as ferramentas administrativas ou telemáticas e os órganos de participación que permiten aos cidadáns calquera deficiencia que se deba corrixir.
Ademais, aumentarase o esforzo de inspección para atender a cada aspecto do espazo público (xardíns, pavimentos, limpeza, alumeado, fontes, rozada das beiras de pistas e camiños, tapas de rexistro, estado da rede de saneamento e da de abastecemento, limpeza viaria, a sinalización ou os elementos ornamentais) e ser estritos coas empresas concesionarias.
O BNG prestará "especial atención" ao alumeado, os pavimentos, a roza dos camiños, os parques infantís, a limpeza viaria ou a sinalización, mellorará o coidado das dotacións de competencia municipal, sobre todo os centros sociais, as instalacións deportivas e os colexios; e colaborarán coas entidades que teñen responsabilidade sobre lugares públicos concretos como baldíos das comunidades de montes, adros ou parques forestais.
SEGUNDA ENTREGA DO LORIX MAGAZINE
O BNG presentou tamén este mércores o segundo e último número do Lórix Magazine, o comic creado por Kiko da Silva que recolle a actualidade da última semana da campaña. Ten unha tirada de 20.000 exemplares.
Na súa presentación, Lores destacou que "fronte a tristura da campaña, certo resentimento e, incluso, os malos fumes de Ence queremos darlle un sorriso a esta campaña, alegría, ilusión, sentido do humor que fai moita falta".