A política local, con voz de muller: "Queremos a metade de todo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As mulleres reivindicaron este xoves o seu protagonismo na penúltima xornada da campaña electoral do PSOE cun acto de igualdade que, baixo o lema 'A política local, con voz de muller', reclamou a necesidade de que o 52% da poboación ocupe o espazo que lle corresponde na sociedade e na política local.
O PSOE quixo levar o seu acto central da xornada á praza da Ferrería polo seu simbolismo porque hai dous meses e medio foi escenario da histórica mobilización feminista do 8 de marzo e agora volveu converterse nun espazo público ocupado por mulleres porque, en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "queremos espazos de convivencia, espazos onde vivir seguras, espazos de igualdade e de respecto á diversidade".
O protagonismo foi feminino e compartido entre Carmela Silva; a secretaria xeral do PSOE local e subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a senadora Marica Adrio; as parlamentarias María Pierres e Patricia Vilán, e as números dous, catro e seis da candidatura para o próximo 26 de maio, as avogadas Yoya Blanco, Paloma Castro e Ada Otero.
"Queremos a metade de todo", reivindicou Carmela Silva, que sostivo que a política local é "o lugar idóneo para ter voz" e defendeu a necesidade de que o próximo goberno local teña "uns orzamentos locais que garantan que poidamos ir superando todas as discriminacións que padecemos".
Maica Larriba afondou nesa mensaxe de que "non pedimos máis, pedimos o que nos corresponde por ser o 52%" e, tirando da súa experiencia como subdelegada do Goberno, chamou a atención sobre a realidade das maiores de 65 anos vítimas de violencia de xénero que denuncian despois de "levar unha vida enteira sufrindo malos tratos". A elas quixo decirlles que "non están soas".
Paloma Castro reivindicou a necesidade dun gran pacto de Estado en materia educativa, que inclúa a educación en igualdade, e que se complemente cunha coeducación no ámbito familiar "que desfaga as diferenzas e valore de igual xeito a nenas e nenos", pois "é necesario un cambio no modelo cultural e educativo actual, no que todo xira en torno á figura masculina".
Ada Otero, primeira muller trans que se presenta a unhas eleccións en Galicia, fixo referencia aos peldaños que as mulleres teñen que subir para acadar a igualdade e a que, no caso das mulleres trans precisan "un equipo de escalada", pois elas non só loitan polos seus dereitos, senón que directamente "loitamos por sobrevivir". Así, a súa esperanza de vida media en España sitúase en 50 anos e teñen unha porcentaxe de intentos de suicidio dun 41%.
Marica Adrio puxo en valor as medidas feministas do Goberno de Pedro Sánchez, Patricia Vilán reivindicou que un dos retos da sociedade do século XXI é acabar coa división sexual do traballo e María Pierres denunciou que "a planificación das nosas cidades foi pensada por homes e para homes", esquecendo á metade da poboación.
Durante as intervencións de todas elas, a pintora Tania Solla aproveitou para facer in situ un graffiti simbolizando, en palabras da autora, "a alianza entre mulleres e o peso das mulleres no PSOE". No centro da imaxe, a rosa do PSOE.
Os homes da candidatura socialista, incluído o alcaldable, Tino Fernández, quedaron este xoves nun segundo plano, entre o público. Ata que Carmela Silva baixou do escenario para convidalo a subir e agradecer o seu feminismo, pois "os homes feministas, cando as mulleres queren ter voz, séntanse e escóitannos".
PROGRAMA SOCIALISTA
Unha das prioridades do programa electoral do PSOE é acadar "unha cidade feminista e diversa, na que exista unha igualdade real" e, co fin de conseguilo, propoñen a creación dun centro 'Quérote Máis', dependente do Concello, destinado a dar información e asesoramento social, xurídico e psicolóxico ao colectivo LGTBI.
Ademais, propoñen a posta en marcha de programas específicos de emprego que faciliten a inclusión laboral das persoas trans, impulsar unha Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, a creación dun Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia (SADI), que se habilite un centro de urxencias para as vítimas de violencia de xénero e darlle un pulo ao Pacto Local pola Conciliación.
Relacionadas:
-
Colectivos feministas chaman a tinxir Pontevedra de violeta na noite do 20 de setembro
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O PSOE fai unha última chamada ao voto para rematar unha campaña de pateo e proximidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PSOE pecha filas ao redor de Tino Fernández: "Non hai que dar ningunha batalla por perdida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os traballadores de Ence reúnense coa ministra de Traballo: "É positivo, o Goberno xa nos escoita"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PSOE tira de enxeño e de 'vesTino': "Non temos café nin cómics, só ideas para Pontevedra"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O PSOE dá voz á súa candidatura nun vídeo de campaña "serio" fronte a cómics e "xente cantando polas rúas"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |