A pandemia, sucesos, ENCE ou a situación das Galerías da Oliva, entre o máis lido do ano
Por Diego Espiño
Chegamos ao final de 2021 e en PontevedraViva repasamos algunhas das informacións máis lidas dun ano que seguiu marcado pola pandemia. Esta situación reflíctese nunha listaxe na que tamén aparecen sucesos que impactaron ou conmocionaron á comarca e varias informacións curiosas.
A covid foi protagonista especialmente no inicio do ano, e é que unha das noticias máis lidas ten como data o 1 de xaneiro, coa intervención da Policía Local de Sanxenxo para desarticular unha festa ilegal de fin de ano que fora anunciada con cea, barra libre e DJ nun hotel da localidade, e na que se tramitaron ata 20 denuncias a persoas chegadas desde diferentes puntos de Galicia por incumprir as restricións que estaban vixentes por aquel entón..
A prohibición o 13 de xaneiro das reunións de non conviventes, o falecemento por covid en Pontevedra da primeira persoa que non contaba con patoloxía previas coñecidas (18 xaneiro), a imposición de novas restricións a partir do 21 de xaneiro en hostalería e ximnasios ou o fin desas restricións e dos peches perimetrais o 22 de febreiro foron outras das noticias que espertaron un maior interese. Ademais, dentro deste apartado pero tamén no de sucesos curiosos, un muller foi detida a finais de febreiro nunha terraza tras chamarlle a atención a Policía por non levar máscara, increpar aos axentes e tentar fuxir.
Neste outro apartado destaca o expediente aberto a Garda Civil en Sanxenxo que disuadiu a un cidadán de denunciar porque "non servía para nada", e que en outubro foi confirmado polo Tribunal Supremo, ou un home que en xaneiro e pleno inverno se tirou ao río Lérez para evitar ser detido pola Policía Local. Pese ao frío e a insistencia dos gardas para tratar de convencelo de que saíse da auga, o mozo de 30 anos permaneceu máis de media hora dentro do río negándose a saír. A mesma Policía Local multou en abril en pleno centro urbano de Pontevedra un home por quedar mirando ao radar mentres falaba por teléfono, sendo denunciado por cinco infraccións.
Máis serios foron outros sucesos que conmocionaron aos pontevedreses, como o falecemento en xuño do coñecido piloto local Víctor Magariños mentres recoñecía un dos tramos do Rally de Pontevedra no que ía competir, ou o atropelo en maio en Estribela que acabou coa vida dunha muller de 68 anos que paseaba pola beirarrúa coa súa neta de 6 e que resultou ferida de gravidade.
Tamén se viviu con preocupación en xullo a custodia policial en Poio para axudar a trasladar ao hospital un bebé inconsciente ao sufrir unha reacción alérxica cando se atopaba en Combarro, e unha onda de roubos en agosto no centro de Pontevedra ao rexistrarse ata media ducia de asaltos en pisos do mesmo edificio de Loureiro Crespo en apenas dúas horas.
Outras das noticias máis lidas do ano foi a participación da compañía artística local Pablo Méndez Performances no programa televisivo Got Talent, recibindo o apoio e recoñecemento unánime tanto do xurado como dos millóns de telespectadores que viron a súa actuación polas pantallas.
Como peche, a actualidade local tamén ten representación na lista de informacións máis seguidas, con noticias como a desolación nas Galerías da Oliva ao verse unha parte dos seus inquilinos abocados ao peche en 2023 e as repercusións á sentenza da Audiencia Nacional anulando a prórroga concedida a ENCE para poder seguir utilizando os terreos públicos que ocupa en Lourizán, con moitas noticias seguidas pola audiencia aínda que destacando a reacción da Xunta de Galicia sinalando que Pontevedra estaba ante "un día triste" ao supoñer a decisión un "golpe irreversible" para Galicia.