O rei emérito Juan Carlos I despídese do rueiro de Pontevedra, onde Raíña Vitoria segue sen coches
Por Manu Otero
O ano 2021 empezou en Pontevedra cun pleno histórico. A corporación municipal decidía o 15 de febreiro dese ano retirarlle todas as honras ao rei emérito Juan Carlos I. Unha decisión que se traducía principalmente en retirar o nome do monarca á rúa do barrio da Parda que pasaría a chamarse Virxinia Pereira Renda.
O novo nomeamento foi recibido con xúbilo entre os integrantes dos colectivos pola memoria histórica, que ven na figura de Virxinia Pereira unha muller "relevante" que loitou ata no exilio polos dereitos de Galicia.
O cambio fíxose efectivo o día 22 de abril nun acto público de substitución de placas na rúa ao que asistiron as principais figuras do BNG e representantes do goberno local encabezados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Con todo, houbo voces contrarias ao cambio. O Partido Popular de Pontevedra e o edil non adscrito, o ex concelleiro de Cidadáns Gregorio Revenga, votaron en contra. Aos xulgados chegou unha reclamación dun particular que non prosperou e na vía pública, días máis tarde, fracasou un intento de protesta na que só participaron tres persoas.
Máis polémica foi aínda a decisión de manter pechada ao tráfico rodado a rúa Raíña Vitoria, unha determinación tomada polo goberno local coa escusa de dar máis espazo para a entrada e saída de alumnos do IES Sänchez Cantón en plena pandemia pero que decidiron prolongar a pesar de que para o instituto xa non era necesaria. Finalizado o estado de alarma, o grupo popular pediu a súa reapertura, algo que o executivo municipal rexeitou.
No medio dunha notoria división social, o Concello mantívose firme na súa decisión de non abrir e anunciou a súa intención de construír un skatepark neste emprazamento.
No plano xudicial, o TSXG tamén deu a razón ao Concello, desde onde aproveitaron para anunciar a súa intención de converter o peche en permanente despois de publicar un informe de tráfico que fala de " melloras evidentes".
Estas novidades axitaron de novo os ánimos das persoas contrarias ao peche, que a finais de ano protagonizaron masivas mobilizacións para esixir a reapertura da vía. Incluso o candidato popular, Rafa Domínguez, prometeu a reapertura se chega a ser alcalde.
A reestruturación viaria e a expansión do modelo de cidade desde o centro á periferia segue marcando a folla de roteiro do goberno local. No principio do ano anunciaron un proxecto para humanizar a rúa Rosalía de Castro, un plan revolucionario que se estende desde o cruzamento con Manuel do Palacio ata o barrio de Mollabao.
Unha realidade é a reforma da rúa Loureiro Crespo, inaugurada a finais de novembro tras varios meses de obras.
En cambio, un proxecto que parece que non verá a luz é o de humanozación da rúa Alemaña, a arteria principal do barrio de Monte Porreiro. A comezos de verán, o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, comunicou a intención do goberno local de peonalizar esta rúa e construír unha gran praza central do tamaño da Ferrería.
O anuncio atopouse coa frontal oposición da asociación de veciños, que convocou masivas manifestacións contrarias á peonalización ata forzar ao Concello a dar marcha atrás.
En setembro, unha nova comparecencia de Gómez serviu para anunciar a paralización do proxecto pola oposición veciñal. Algo que tampouco sentou ben no barrio, no que seguiron as protestas para reclamar outras actuacións que consideran urxentes.
A falta de entendemento mantén tamén en compás de espera outro dos grandes proxectos de mobilidade en Pontevedra: a variante de Alba. O ano comezou con boa sintonía entre Concello e Xunta para facer realidade unha obra consensuada entre todas as partes implicadas.
Con todo, despois de que Lores remitise a Feijoo o plan definitivo para a súa aprobación, o proxecto quedou suspendido. Xa no mes de setembro saíron á luz as discrepancias entre o goberno local e a consellería de Infraestruturas que dirixe Ethel Vázquez, quen puxo como argumento a oposición veciñal para aparcar o asunto. Algo que non sentou nada ben no seo do gabinete de Lores.
Os últimos sucesos, con camións atrancados baixo o viaduto de Alba, avivan de novo a necesidade de acometer esta obra que, no 2022, seguirá dando que falar.
Si que houbo acordo entre Xunta e Concello para comezar a facer realidade unha das obras máis demandadas das últimas décadas. O 3 de maio do 2021 colocouse a primeira pedra do Gran Montecelo. Os traballos avanzan a bo ritmo e o esqueleto do novo hospital comeza xa a ser visible. As estimacións apuntan a que será unha realidade a principios do 2024.
Unha obra xa inaugurada e moi aplaudida por toda a cidadanía e colectivos sociais está relacionada co parque forestal da Fracha, que é a nova meca dos amantes da bicicleta de montaña. En setembro do 2021 inaugurouse un circuíto de BTT plenamente integrado nunha contorna forestal sostible.
Relacionadas:
-
"Non nos van a deter porque o peche de Raíña Vitoria é arbitrario e unilateral"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello celebra a reapertura de Loureiro Crespo tras a súa reforma integral
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
"Día cero" para un Gran Montecelo que fixa o seu horizonte "entre finais de 2023 e principios de 2024"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Adeus a Juan Carlos I, ola a Virxinia Pereira Renda
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |