O Espazo Nemonon acolle a presentación do libro 'As ninguén', o novo poemario de Elisabeth Oliveira.

A autora estará acompañada por Carmen Quinteiro, mestra e escritora e por Edurne Baines, editora.

Dela di Silvia Penas na sinopse do libro "Chega a poética de Elisabeth Oliveira enfundada de palabras contra o silencio asoballante. Aquelas desprovistas de nomes atoparán nestas ninguén un acubillo, unha trincheira desde a que calcular onde poñer as bombas. Reduto para a vinganza, aquí ecoan séculos de violencia, memoria dunha identidade fragmentada e dócil, portadora dunha carga demasiado invisible para testemuñar o avance".

"A medio camiño entre o pasado e a eternidade, asistimos a un devir muller que se esfarela mentres se constrúe, consciente de que o camiño é vasto, duro, tendente ao infinito. Démoslle paso a esta voz que abre sucos de auga no deserto e é capaz de adobar con vinagre a liberdade".

Elisabeth Oliveira (Roubaix, Francia, 1971). De nai e pai portugueses, chegou a Galicia en 1995 para namorar desta terra e non querer marchar nunca. Licenciada polas Universidades de Lille III (Letras Modernas) e a Universidade de Santiago de Compostela (Filoloxía Francesa), actualmente exerce como tradutora e profesora nun IES de Pontevedra.

En 2016 publicou o seu primeiro poemario, Poesis, un libro-CD en catro idiomas (galego, portugués, castelán, francés) con cancións tamén nesas linguas. En 2019 viu a luz o poemario Náufragas no mar e na terra (Urutau), dedicado ás mulleres. 

Participou en varias antoloxías, a última delas Libres e Vivas (Galaxia, 2021) xunto a outras nove autoras galegas, así como en numerosos festivais (Kerouac, Poesía Salvaxe, Entreverbas…), recitais e intervencións (Océano mar, no Museo de Pontevedra; Verbas de muller, no Teatro Municipal; Verbas pola Paz, na Deputación de Pontevedra, etc.).

Foi finalista do premio Jovellanos ao mellor poema do mundo en 2017.

Transita na poesía e na prosa ao son das catro linguas que fala, con predominio da lingua galega.

Espazo Nemonon, Praza da Ferrería. Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos