A historia de Galicia desde a Prehistoria ata o século XIX é o fío condutor dunha serie de actividades familiares lúdico-formativas, ideadas e guiadas por Polo Correo do Vento e Ab Origine para o programa Apego. Desenvolveranse ao longo do ano en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra, en lugares de doado acceso para as familias e que dean a coñecer o noso patrimonio.

Trátase de actividades de hora e media de duración que constan dunha pequena explicación didáctica sobre unha determinada etapa histórica, un obradoiro creativo no que se confeccionará un obxecto relacionado coa etapa que se traballe, un contacontos e un obradoiro de debuxo guiado, con acompañamento musical de Marcelo Dobode.

As xornadas están pensadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa antropoloxía e a historia da cultura propia dunha maneira interxeracional e lúdica, ao tempo que se fomenta o uso da lingua entre as crianzas.

Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente a través do formulario na web apuntate.pontevedra.gal porque as prazas son limitadas e terán prioridades as familias que forman parte do programa Apego. 

A actividade terá continuidade en outono, co achegamento a Romanización, o Reino Suevo a Idade Media e Idade Moderna e o Rexurdimento, mais as actividades que terán lugar nos próximos meses e teñen inscrición aberta son as seguintes:

SÁBADO 10 DE MAIO

A Idade dos Metais: o tempo dos megálitos, con Polo Correo do Vento, Ab Origine e Marcelo Dobode

Achegamento en familia ao megalitismo a través dunha sesión que inclúe: explicación didáctica, obradoiro creativo, contacontos, obradoiro de debuxo guiado e música en directo.

De 11.30 a 13 horas na área de lecer Chan da Parafita (Monte da Fracha)

Área de lecer Chan da Parafita (Monte da Fracha)

Máis eventos

Ver máis eventos