Con motivo do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, o Museo de Pontevedra xunto coa Deputación teñen organizada unha exposición chamada ‘Descubrindo a Concepción Arenal. A muller do porvir’, onde o público poderá coñecer a figura da periodista e pioneira do feminismo español a través de obras plásticas e os orixinais manuscritos e bibliográficos das súas obras.
Como previa á celebración do Día Internacional da Muller (8M), os días 3 e 4 de marzo ás 18:00 horas realizaranse visitas ás obras plásticas que representan á pensadora nas salas do Museo e aos seus manuscritos orixinais e fondos bibliográficos. Partirase dunha visita á primeira planta do Sexto Edificio, onde se atopan as obras escollidas.
O percorrido comezará na sala onde está exposto o retrato de Concepción Arenal, pintado polo pintor Eduardo Zamacois y Zabala no ano 1869, onde se instalarán vitrinas cos orixinais tanto bibliográficos como manuscritos da súa obra ‘La educación en la Mujer’. Alí comentarase parte da súa biografía para logo manter unha charla do que Arenal pensaba sobre a educación das mulleres no seu tempo, facendo unha reflexión sobre a persoa e a súa obra, o influxo que tivo o seu pensamento e traballo na súa época, así como a repercusión futura.
Para rematar, o día 5 de marzo, ás 19:00 horas proxectarase no salón de actos do Museo a peza ‘Concepción Arenal. A visitadora de cárceres’, realizada por Radio Televisión Española (RTVE).