Arranca a carreira cara os Premios Goya 2022. Polo menos, entre as curtametraxes. A Academia de Cinema desvelou os títulos preseleccionados para ser finalistas na edición número 36 destes premios, que se entregarán en Valencia o próximo 12 de febreiro.
Ata catro curtametraxes galegas pasaron este primeiro corte e continúan en liza para facerse coa prezada figura nas tres categorías para este tipo de producións: curtametraxes de ficción, documental e animación.
Un deles é A comuñón da miña prima Andrea, do pontevedrés Brandán Cerviño, que está preseleccionado para competir na categoría de curtametraxe documental.
Cerviño (Pontevedra, 1993) recorre á súa curmá Andrea para que ela mesma comente a súa propia primeira comuñón, ante as preguntas un tanto indiferentes de alguén que quere facer algo con esas imaxes, quizá convertelas nun vídeo ou pode mesmo que nunha curta.
A partir de aí aparece ante o espectador a imaxe caleidoscópica de todo un país, de toda unha cultura, no que termina sendo unha visión esperpéntica e divertidísima dese rito. Porque á cerimonia fáltalle glamour. Para Andrea as cousas sen 'brilli-brilli' non son cousas.
A comuñón da miña prima Andrea é a quinta curtametraxe creada e dirixida por Brandán Cerviño tras La viva imagen (2016), Carta a Leningrado (2018), En Boca de la Mina (2018) e Hai unha virxe alí arriba (2020), esta última a súa única peza de ficción.
Ademais, Xoves de comadres, da realizadora viguesa Noemí Chantada, optará a ser finalista na categoría de ficción; mentres que The Monkey, do coruñés Xosé Zapata e o italiano Lorenzo Degl' Innocenti farao no apartado de animación.
A cuarta peza galega preseleccionada, tamén na categoría documental como a de Brandán Cerviño, é Augas abisais, do lucense Xacio Baño.