Cun espectáculo igual de provocador que divertido, o Yo Mussolini de Leo Bassi, arrancou este xoves en Pontevedra o ciclo Guerrilla, un programa que aposta por ofrecer á público cultura comprometida, revolucionaria e social.
O irreverente cómico italiano presentou no Teatro Principal unha obra na que, mesturando o chiste e a provocación cunha reflexión profunda sobre a manipulación política, analizou o auxe do fascismo en Italia, propoñendo a risa e o pensamento positivo como antídoto.
A expectación foi tal que chegaron a ocuparse todas as butacas dispoñibles do recinto, un 75% do aforo, cuns espectadores para os que a entrada foi gratuíta con reserva previa.
A programación da primeira xornada deste ciclo completouse coa conferencia que, no Pazo de Mugartegui, ofreceron Eva Mejuto e Manuel Gago.
Ambos conversaron sobre a resistencia galega na II Guerra Mundial.
Para este venres, Guerrilla ofrecerá unha charla entre Montse Fajardo e María Xesús López Escudeiro (19:00 horas, Pazo de Mugartegui) sobre a loita antifranquista en Pontevedra e un concerto da banda estadounidense The Last Internationale (21:00 horas, Teatro Principal).