As primeiras Xornadas de Banda Deseñada chegan a Pontevedra baixo o nome de BDra Gráfica

Pontevedra
03 de marzo 2023

O ilustrador galego Kiko da Silva coordinará, en colaboración co Concello de Pontevedra, as I Xornadas de Banda Deseñada da cidade do Lérez

A concelleira Carme Fouces na presentación da programación de BDra Gráfica
A concelleira Carme Fouces na presentación da programación de BDra Gráfica

O ilustrador galego Kiko da Silva coordinará, en colaboración co Concello de Pontevedra, as I Xornadas de Banda Deseñada da cidade do Lérez os días 17, 18 e 19 de marzo. O Museo de Pontevedra, xunto ao Teatro Principal, serán os escenarios que acollerán as diversas actividades como charlas, exposicións e mesas redondas. 

A concelleira de Cultura Carme Fouces anunciou este xoves a programación de BDra Gráfica xunto a Kiko da Silva, Natalia Mosquera da editorial La Cúpula e Cano Paz da Librería Paz. O cartel corre a cargo da ilustradora Ana Miralles e desde o Concello animan á xente a que se achegue a estas xornadas, que esperan repetir nos próximos anos.

A dinámica do evento consistirá en realizar diversas charlas dirixidas ao público e obradoiros escolares no Teatro Principal, e reservar o Museo para actividades dirixidas a profesionais e persoas que se estean formando no sector da banda deseñada. Por outra banda, haberá catro exposicións que se manterán abertas ao público ata o 9 de abril, dous no Teatro e dous no Museo.

O programa abrirase o venres 17 de marzo ás 11:00 horas con dous talleres dirixidos a escolares. O primeiro impartirao Fonso Barreiro e tratará sobre a creación de CELS de animación de Dragon Ball e o segundo, impartido por Jorge Campos, explicará como facer unha banda deseñada desde cero. 

De forma simultánea no Edificio Castelao comezarán ás 12:00 horas as Xornadas Profesionais cunha mesa redonda titulada De profesión, autores de cómic. Contará coa participación de Ana Miralles, Miguel Anxo Prado, José Ares, Anabel Colazo, Anabel Jaraba e Kiko da Silva con Miguel Porto como moderador.

Ás 17:00 horas de volta no  Principal ofreceranse charlas como Nuevo Nueve con Alicia Jaraba e Víctor Pinel. Ás 18:15 horas serán Ana Miralles e Emilio Ruíz Zabala os encargados de impartir outra charla xunto a Rafa Tenorio, e a primeira xornada terminará ás 19:30 coa intervención de Laura Pérez xunto a Marta Carril.

O sábado comezará a programación no Teatro ás 11:30 horas cunha presentación de Adrián Morgade (Xerais) titulada Xinfu, seguida pola intervención de representantes Antenla Editora xunto a dúas autoras pontevedresas ás 12:30 horas. As Xornadas Profesionais empezarán ás 11:00 horas no Museo cunha mesa redonda.

A tarde do sábado ofreceranse novas presentacións no Principal a partir das 17:00 horas coa participacion de profesionais do sector como José Ares e Anabel Colazo da editorial La Cúpula, ou o autor de El arte de volar Antonio Altarriba.

Para acabar con esta primeira edición de BDra Gráfica, o domingo 19 de marzo as Xornadas Profesionais ofrecerán ás 11:00 horas no Edificio Castelao un encontro dos gañadores de O Garaxe Hermético acompañados polo seu director Kiko da Silva que, posteriormente, pechará a programación cunha charla acompañando a Miguel Anxo Prado.

As exposicións que se manterán abertas ata o 9 de abril situaranse da seguinte maneira: Exposición PEIC e Exposición premios O Garaxe Hermético no Teatro Principal. As Bólas Máxicas, cels da serie Dragon Ball, e A sedución do Grafito de Ana Miralles no Museo de Pontevedra.

Na terceira planta do Teatro colocaranse uns postos de venda os días 17, 18 e 19 de marzo das seguintes editoriais e librerías: La Cúpula, Nuevo Nueve, Letra Branca, GP Ediciones, Antenla Editora, Retranca Editora, Libería Paz, Librería Seijas, Librería Nobel e materiais de debuxo de Torrado Belas Artes.