Biblioverán leva a lectura ás zonas de baño de Soutomaior

Soutomaior
30 de xuño 2025
Actualizado: 17:56

Os espazos do Peirao, Veiguiña Longa e a Xunqueira acollerán contacontos, obradoiros de monicreques e actividades en inglés durante todo o verán

Silvia Cernadas con Raquel e Diego, monitores de Biblioverán 2025  (1)
Silvia Cernadas con Raquel e Diego, monitores de Biblioverán 2025 (1) / Concello de Soutomaior

As principais zonas de baño do concello de Soutomaior transformaranse este verán en extensións da Biblioteca Pública Luís Seoane grazas a unha nova edición do Biblioverán, unha iniciativa que achega os libros e a cultura aos espazos de lecer estival da veciñanza e visitantes.

O programa, que comezou o martes 24 de xuño e se estenderá ata o 18 de setembro, estará presente tres días á semana nas diferentes praias do municipio, sempre en horario de tarde, de 17:30 a 20:00 horas.

Os martes, os libros e actividades culturais chegarán á praia da Muxeira, no Peirao de Arcade; os mércores, será a quenda de Veiguiña Longa, en Comboa; e os xoves, a Praia da Xunqueira de Arcade completará o circuíto semanal.

A gran novidade desta edición 2025 céntrase na ampliación e diversificación das actividades de dinamización.

Segundo explicou a Silvia Cernadas, concelleira de Cultura, durante a presentación do programa, "este ano incorporamos obradoiros de monicreques, contos teatralizados e contadas en inglés", enriquecendo así unha oferta que xa gozou de "boa acollida nos últimos dous anos".

Ademais da posibilidade de ler ao aire libre, os usuarios poderán realizar préstamos e devolucións de libros sen necesidade de desprazarse ao local da biblioteca, participar en lecturas compartidas e gozar das diferentes actividades de animación á lectura programadas.

Todo isto co obxectivo fundamental de "manter o hábito lector durante a época estival", destacou Cernadas.

A programación completa de actividades pode consultarse na web municipal.