120 persoas participan no certame literario Xaime Illa de relato curto e poesía

Poio
08 de maio 2025
Actualizado: 17:31

Esta entrega de premios forma parte da programación do Concello de Poio co gaio do Día das Letras Galegas

Presentación da programación do Día das Letras Galegas
Presentación da programación do Día das Letras Galegas / Concello de Poio

O Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, acollerá o sábado 17, ás 17.00 horas, a entrega dos premios do certame literario Xaime Illa de relato curto e poesía.

O certame contou coa participación de 120 traballos procedentes de lugares como Madrid, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Xinzo de Limia, Marín, Betanzos, Nigrán, Teo e Poio.

A continuación da entrega de premios o acto incluirá a conferencia de Xosé Luis Pastoriza Rozas, doutor en filosofía e experto no legado e na figura de Xaime Illa. 

Este ano as Letras Galegas renden homenaxe á poesía popular oral, representadas polas cantareiras como grandes figuras na transmisión da cultura e lingua galegas. Así, Poio contará tamén coa actuación das Pandereteiras do Ronsel, unha das agrupacións tradicionais con sede no municipio.

Para rematar a xornada, o alumnado da Escola de Música Tradicional de Poio interpretará o himno galego.

Esta entrega de premios forma parte da programación do Concello de Poio co gaio do Día das Letras Galegas que foi presentada este xoves polo alcalde, Ángel Moldes, xunto co presidente da SCD Raxó, Xaquín Agulla, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís.

Moldes animou a grandes e pequenos a sumarse á programación do 17 de maio porque "propostas como estas son importantes para impulsar, potenciar e recoñecer a riqueza e importancia da nosa lingua".

O alcalde destacou que "no Concello de Poio contamos cunha programación ampla e continuada ao longo de todo o ano para seguir fomentando o uso, interese e orgullo pola nosa lingua, pero tamén promocionamos o seu uso e apoiando a todas esas asociacións culturais locais que, como a SCD Raxó, contribúen a difundir e enxalzar a cultura galega".

A programación continuará o domingo, tamén no Centro Cultural Xaime Illa Couto, co espectáculo espectáculo A Maxia das Letras, a cargo do Mago Samuel.

Trátase dun proxecto dirixido ao público infantil e adulto que combina maxia e creatividade para fomentar o amor polos libros e a lectura, destacando figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. A partir das 18.30 horas e con entrada de balde. Esta actividade conta coa colaboración do programa Ler conta Moito, da Xunta de Galicia.