Do 21 ao 28 de xuño, nova cita cun Clasclás que incorporará por vez primeira un programa sinfónico

O Salnés
04 de febreiro 2025

O festival de música clásica, que o ano pasado chegou a 5.000 asistentes, segue ampliando a súa oferta e converteuse nun evento artístico e cultural de referencia a todos os niveis

Un dos concertos do festival Clasclás
Un dos concertos do festival Clasclás / Concello de Vilagarcía de Arousa

O Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía de Arousa, o Clasclás, xa ten data para a súa edición de 2025.

Desenvolverase entre os días 21 o 28 de xuño e chegará cunha novidade, a incorporación dun programa máis á súa oferta, o sinfónico.

A idea de contar con formacións sinfónicas e non só de cámara estaba nos plans da dirección do certame dende hai tempo, pero non foi ata agora cando se puido concretar.

O Clasclás reforzará así a súa aposta musical por diferentes programas e a mestura de todos eles, que fai que, despois de sete edicións, se teña convertido nun evento artístico e cultural de referencia a todos os niveis.

A este novo programa se unen o pedagóxico e de masterclass, dirixido ao alumnado do conservatorio ou o programa social e comunitario, no que participan máis de 400 persoas de capacidades diferentes pertencentes a asociacións e organizacións da comarca do Salnés.

Tamén volverán o Clasclás a pé de rúa, no que participan alumnos do conservatorio profesional e da Escola Municipal de Música que actúan nas rúas e prazas de Vilagarcía; e o Clasclás Matinée, con concertos en horario de mañá en emprazamentos de interese histórico e artístico.

O Concello de Vilagarcía xa aprobou as liñas xerais do certame, cuxa programación poderá presentarse na primavera, unha vez que se confirmen as axudas públicas e se pechen os presupostos e os contratos cos artistas que actuarán este ano.

Ademais da participación das orquestras no programa do Clasclás, en xuño, tamén estudan que o fagan antes das vacacións de verán ou ben despois, de xeito que a marca "clasclás" sirva como paraugas, contribuíndo así a seguir desestacionalizando a oferta cultural do Concello.

En calquera caso, a senda está trazada e coa vista posta en incrementar a oferta e tamén a resposta do público -máis de 5.000 asistentes en 2024- a un festival que xa é membro de Festclásica, a Asociación Española de Festivais de Música Clásica.