O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou este martes as actividades culturais do 'Ano Castelao' que se realizarán nos concellos da provincia.
Un programa de exposicións, concertos e obradoiros que chegará, por primeira vez, aos 62 concellos da provincia de Pontevedra co obxecto de contribuír e complementar as súas programacións culturais e chegar a toda a poboación.
A actividades céntrase nas disciplinas artísticas que desenvolveu Castelao, como son o humor gráfico, o patrimonio, a tradición oral, e o mundo da infancia e da emigración.
Esta programación contempla ademais un esforzo por programar actividades accesibles, para o que incorpora audioguías e signoguías, cuxa realización se fai a través dunha colaboración con XOGA, Organización de Xordos de Galicia. Especial atención merece tamén a infancia, con espectáculos e contacontos infantís, obradoiros e unha app educativa para que os máis novos poidan construír contidos e aprender xogando.
Na presentación, o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, estivo acompañado pola presidenta de XOGA, Mª Jesús Monterde García, que explicou a colaboración entre a súa organización e a Deputación para dotar de contidos accesibles parte das actividades, e presentou o signo escollido para designar a Castelao. Tamén participou Toño Escudero, socio da empresa que colabora coa app educativa, a actriz Beatriz Campos que explicou as actividades infantís, e o músico Luis Caruncho que interpretou un Cantar de Cego dos que se inclúen na programación.