Dez semanas de teatro infantil sen interrupción nun Domingos do Principal que irá adaptando as butacas á pandemia

Pontevedra
31 de decembro 2020

A 22 edición dos Domingos do Principal achega 10 espectáculos entre o 17 de xaneiro e o 21 de marzo, con dobre pase. As entradas están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo único de 4 euros. Este ano non haberá formato abono por mor da covid-19

Carmen Fouces e Xacobe Rodriguez
Carmen Fouces e Xacobe Rodriguez / PontevedraViva

O festival das artes escénicas para toda a familia Domingos do Principal non parará pola pandemia. Poñelo en marcha resultou complicado dadas as restricións e os cambios de medidas continuos para frear a expansión da covid-19, pero finalmente conta cunha programación ambiciosa que mesmo supón máis espectáculos que anos anteriores.  

En 2021, na que será a 22 edición do programa, pasarán das 6 ou 7 funcións habituais dos anos anteriores a dez e, ademais, serán en semanas seguidas, sen interrupcións da programación. En concreto, entre o 17 de xaneiro e o 21 de marzo de 2021 haberá dúas funcións cada domingo, en horario de 12.00 e 18.30 horas, dun total de dez obras diferentes. 

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, e Xacobe Rodríguez, de Teatro Akatro, presentaron este mércores a programación, da que Fouces explicou que presentar Domingos do Principal sempre é unha satisfacción e esta vez "dobremente" porque foi "complicado" nas condicións actuais "facer unha programación estable". Finalmente, sae adiante e é ambiciosa porque "non nos rendemos". 

A principal complicación foi que as normas e as capacidades autorizadas para os eventos culturais "van mudando case de semana en semana" e é necesario ir adaptando a programación. Para sortear estes cambios, dependentes da evolución da pandemia, optaron por incrementar o número de espectáculos e eliminar os pases escolares.

Para cada obra haberá dous pases e a capacidade das butacas do Teatro Principal irá adaptándose á evolución da pandemia e as restricións que vaian impoñendo as autoridades sanitarias. Nestes momentos, hai 98 prazas, pero xa contan con que poidan ir cambiando, de maneira que este ano decidiron non poñer á venda o formato abono con todas as obras xuntas, para evitar dificultades derivadas de posibles cambios e cancelacións.

As entradas terán un prezo único de 4 euros por persoa e pase e poderán mercarse en Ataquilla.com e tamén na billeteira do Teatro Principal. Este ano haberá un cambio no funcionamento habitual da venda de entradas presenciais, pois no caso de non esgotarse na venda anticipada, estarán a venda ata unha hora antes da función. Desta maneira, venderanse de 10 a 11 horas para a función das 12 e de 16.30 a 17.30 para o pase das 18.30 horas.

Fouces explicou que este ano as tres últimas funcións coincidirán no tempo co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, de maneira que a súa temática se adaptará á deste ano no Salón, cambio climático, ecoloxismo e Efecto PO2.

A concelleira de Cultura tamén destacou que se nota que a cidadanía de Pontevedra "ten ganas de ir ao teatro", como se comproba coa boa acollida da programación de Nadal no Principal. 

Como xa sucedeu en anos anteriores, o Concello encargou a Teatro Akatro a organización da programación, na que hai espectáculos de Galicia, Cataluña, Asturias, País Vasco e Portugal. Este ano, polo tanto, recupérase a programación con vencellos a nivel internacional que tiña Domingos do Principal tempo atrás.  

  • Domingo 17 de xaneiro. Uniko, de Teatro Paraiso (Araba). Mistura títeres e o teatro mais realista e presenta o desacougante tema dos ciumes, mirando de frente en toda a súa crueza, aínda que sen perder nunca o sentido do humor. Conta a historia de Pau, fillo único e o rei da súa casa. O nacemento da súa irmá Irati provocará que un medo íntimo a deixar de ser querido se apodere del ameazando a estabilidade familiar. Premio FETEN 2020 á mellor interpretación, Maite Bayón.
  • Domingo 24 de xaneiro. A Danza da Choiva, de Elefante Elegante (Galicia). Que acontecería se de súpeto deixase de chover? Non durante un mes, un verán ou un ano, senón par sempre? Esta é a pregunta que coloca a danza da choiva, un espectáculo sen palabras onde conviven o teatro xestual, a danza, a manipulación de obxectos e os monicreques. Premio María Casares 2017 ao mellor espectáculo infantil.
  • Domingo 31 de xaneiro. Riquete el del Copete, de Higiénico papel Teatro (Xixón, Asturias). Unha versión peculiar do conto clásico de Charles Perrault, teatro de actor e comedia. Un príncipe moi feo e moi listo cun 'copete' de pelo na cabeza: Riquete el del copete. Unha princesa moi fea e moi lista. Outra princesa moi guapa e moi tonta. Riquete namorase dunha delas. Que pasará coa guapa? Que pasará coa fea?
  • Domingo 7 de febreiro. Contacreques, de Emedous (Galicia). Un espectáculo poético, divertido, áxil e desenfadado baseado nos contos clásicos O Reiseñor, Garavanciño e O Zapateiro e os trasnos. Transporta a un mundo con voces de contadores de historias e corpos de monicreques.
  • Domingo 14 de febreiro. Cartóons, de Excéntricas e Teatro do Adro (Galicia). Clown e musical. Dous pallasos moran á marxe. Á marxe de todo. Rodeados de cartóns, nun mundo de cartóns que a xente tira porque non serven para nada. Quen dixo que non servían para nada? Con eses cartóns construirán cousas e mais cousas. Con eses cartóns construirán todas as historias que nos contan. 
  • Domingo 21de febreiro. Hansel y Gretel, de Borobil teatro (Guipuzcoa). Teatro actoral e movemento. Versión libre da historia de Hansel e Gretel. Hai tempo alguén roubou todos os libros de cociña do mundo. Agora a xente só come hamburguesas nas Amonioburguers. Juan Mari é un famoso cociñeiro. Desde que desapareceu o seu libro de recetas perdeu os clientes, está a punto da ruina e o banco ameázao con pecharlle o restaurante. Os seus fillos, Hansel e Gretel, deciden ir falar co banco, pero para iso terán que pasar polo bosque e a lenda di que no bosque hai unha árbore que dá mazás de caramelo. O que probe esas mazás non voltará á casa...
  • Domingo 28 de febreiro. Italino Grand Hotel, da compañía La Tal (Barcelona ). Teatro de actor e clown. Quen lava os milleiros de sabas e toallas dos hoteis? No último soto do Italino Grand Hotel está a lavandaría. Alí, un personaxe solitario lava, pasa o ferro e perfuma a roupa. Vive só, soña entre as sabas e agacha a soidade conversando coas máquinas e xogando até coa súa propia sombra. Pero un día namórase.
  • Domingo 7 de marzo. Jojo, de Borja Ytuquepintas (Barcelona). Teatro visual, arte con area e monicreques e música en directo. O espectáculo conta a historia de Jojo, o primeiro orangután que foi rescatado do seu cativerio e que significou o inicio do proxecto Animal Rescue, unha organización Non Gubernamental que loita por salvar animais en catividade e rehabilitalos no seu medio natural. 
  • Domingo 14 de marzo. Semente – O homem que plantava árvores, de Ajidanha (Portugal). Teatro de actor baseado nunha historia real. O Homem Que Plantava Árvores é unha historia inesquecíbel sobre o poder que o ser humano ten de influenciar o mundo. Narra a vida dun home e o seu esforzo solitario, constante e paciente, para facer do sítio onde vive un lugar especial. Mostra como un home humilde e insignificante aos ollos da sociedade, vivindo lonxe do mundo e usando só os seus propios medios, consegue reforestar só unha das rexións máis áridas de Francia.
  • Domingo 21 de marzo. Crusoe, da compañía Markeliñe (Bizkaia). Teatro de actor con música en directo. Crusoe, nunha illa só, vai vendo a vida pasar e así aprenderá a vivir e a relacionarse co seu entorno, e a coidalo, dentro da súa soidade. Unha metáfora da vida cun toque de poesía visual, música en directo e humor. Premio FETEN 2020 á mellor música.