O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, anunciou este mércores a estrea absoluta da obra musical ‘Alba de Gloria’ dedicada a Castelao no marco da serie de concertos organizados pola Deputación de Pontevedra para conmemorar as efemérides relacionadas co autor de Rianxo neste 2016.
O ciclo foi composto este mesmo ano polo autor galego Rogelio Groba a partir do discurso que Castelao fixera no exilio con motivo do Día da Patria, e será interpretada pola Orquestra de Cámara Galega (OCG) en Vilagarcía.
O deputado aproveitou para dar as gracias ao autor Rogelio Groba (pai) polo seu traballo, ao responsable da Orquestra de Cámara Galega pola súa colaboración, así aos concellos implicados polo interese mostrado en levar adiante os eventos, que definiu como "espectaculares".
A actuación da OCG realizarase o 6 de agosto na Igrexa de Vistalegre de Vilagarcía (21.00 horas).
O ciclo ‘Alba de Gloria’ está formado polas pezas Alborada de gloria; Na catedral; Sen ti, alegrías e tristuras; Etnografía panteísta; Cortexo fúnebre; Oda aos inmortais e Enerxía Colectiva. Galiza, un país rico en música "para o espírito"
A concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, instou aos veciños de todo o Salnés a acudir ao evento do vindeiro día 6. "Este concerto celebrarase nos días previos ás festas de San Roque, e pensamos que o lugar ideal para facelo sería Vistalegre por ser un emprazamento con historia. Agardamos unha grande afluencia, xa que a música clásica ten moito máis público do que de entrada poida parecer", asegurou.