Estrean a nova imaxe institucional do Museo este xoves 16 na terraza exterior do Sexto Edificio

Pontevedra
15 de xullo 2020

O acto público vai desenvolverse a partir das 19.00 horas coa presenza da presidenta e o vicepresidente da Deputación e o alcalde de Pontevedra. Presentarán unha peza escultórica que servirá para dar a benvida aos visitantes que se acheguen ata o edificio da institución museística

Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra / PontevedraViva

A esperada nova imaxe institucional e corporativa do Museo de Pontevedra coñecerase este xoves 16 de xullo ás 19.00 horas na terraza exterior do Sexto Edificio. Carmela Silva, presidenta da  Deputación; César Mosquera, vicepresidente provincial e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra serán os encargados de "descubrir" a peza escultórica, que quedará instalada na praza de entrada ao Museo.

A nova imaxe, aínda sen desvelar, representa a etapa iniciada nos últimos tempos coa intención de dar maior dinamismo á institución museística. Durante 78 anos a imaxe corporativa era a representación do cruceiro situado na praza da Leña sobre os edificios Castro Monteagudo e García Flórez. Tratábase dun elemento que procedía da creación do prestixioso arquitecto Alejandro da Sota no ano 1942 e que serviu para ilustrar a primeira revista publicada polo Museo.

A nova dirección e o goberno da  Deputación queren cambiar esta imaxe por unha máis actual e fresca que sirva como símbolo de futuro ao mesmo tempo que atende á traxectoria e contidos que ofrece a institución. Segundo explican desde a entidade provincial, a nova imaxe foi creada por Uqui Permui, directora do equipo multidisciplinar con sede en Santiago de Compostela. A obra conta cun deseño simple,  atemporal, sobrio e elegante para que perdure no tempo. Ademais, é aplicable a todos os soportes e mostra con claridade a beleza das coleccións.

A selección deste traballo foi unha das primeiras decisións do Consello Asesor do Museo durante este ano, que tivo que escoller entre 37 propostas internacionais, estatais e galegas ata chegar a catro finalistas, entre os que destacou o traballo de Uqui Permui.

A partir deste xoves, esa nova imaxe estará tamén presente a páxina web do Museo, nas redes sociais, nas instalacións e en material de merchandising, que se poñerá á venda na tenda oficial que está previsto que se abra proximamente no Museo pontevedrés.