Un dos espectáculos teatrais máis aclamados da tempada chega a Pontevedra. Trátase de Poncia, un monólogo que ofrece unha nova mirada dentro da casa de Bernarda Alba creada por Federico García Lorca. Representarao sobre as táboas Lolita Flores.
A función poderá verse o vindeiro mércores 6 de xuño, ás 20:30 horas, no auditorio de Afundación. As últimas entradas dispoñibles están á venda en Ataquilla.com.
Poncia, segundo o seu director Luis Luque, "fala de suicidio, de liberdade, de culpa, de clase, de educación, de sexo e fálao con toda a forza da voz que foi maltratada e calada", a criada da casa de Bernarda Alba.
O texto foi escrito a partir das intervencións do personaxe de Poncia na obra de Federico García Lorca, converténdoas "en reflexión, en soliloquios, en diálogos con pantasmas e sombras".
Lolita Flores interpreta a Poncia en momentos posteriores ao falecemento de Adela, a filla máis nova de Bernarda Alba. No silencio da casa, a criada reza, reflexiona, e diríxese á matrona da casa e as súas fillas.