A artista coruñesa Maribel Longueira é a protagonista da exposición que se poderá visitar durante este mes de novembro no Museo Municipal Manuel Torres de Marín.
A mostra componse de téxtil coloreado con tintes naturais. Unha invitación para reflexionar sobre a arte do tinxido, como foi marcando a historia antropolóxica da moda e como a día de hoxe o natural foi substituído por cores sintéticas e mesmo materiais prexudiciais para a saúde.
Licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, a artista leva dende 1990 adicada á fotografía, formándose con profesionais da imaxe como Chema Conesa, Isabel Muñoz, José Mª Mellado, Isaki Lacuesta, Christian Caujoulle, Rickky Davila ou Castro Prieto, entre outros.
Na actualidade, comparte o interese da fotografía co mundo téxtil, na súa faceta de cor, experimentando con diferentes fibras téxtiles, laa, algodón ou seda.
A inauguración da mostra no Museo Manuel Torres será este mércores 8 ás 19.00 horas.
O horario de apertura é: entre o martes e o venres de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas; e sábados e domingos de 11.00 a 14.00 horas.