A "maxia especial" da Boa Vila protagoniza Pontevedra en fotografías, o volume de máis de 200 fotografías de Luís Pereiro que forma parte dunha nova colección impulsada pola Deputación de Pontevedra sobre fotografía local.
O volume, que se presentou no Arquivo Provincial, está coordinado por Antón Sobral e constitúe o primeiro exemplar da nova colección de fotografía local que busca poñer en valor o talento dos fotógrafos da provincia.
Deste xeito, Pontevedra en fotografías recolle unha selección de fotografías que capturan unha poética visual desde a experiencia emocional do seu autor, na que salienta a presenza da luz e as súas oscilacións segundo a época na que foron realizadas
Integran a publicación imaxes de paisaxes e monumentos e ata de celebracións como o Entroido, a Semana Santa ou a Feira Franca, ou tamén de detalles, todas elas de alta calidade técnica e localizadas no municipio, tanto no seu casco histórico e urbano como nas parroquias.
Luís Pereiro, natural de Palas de Rei (Lugo), leva máis de tres décadas vivindo en Pontevedra, onde salienta o seu paso como docente de lingua galega no IES Luis Seoane de Monte Porreiro ata a súa xubilación en 2019.

É fotógrafo afeccionado e as súas estampas da cidade de Pontevedra levárono a expoñer en lugares como o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas.
Ademais de repartirse entre os asistentes á presentación, a Deputación tamén distribuirá exemplares de Pontevedra en fotografías entre as bibliotecas públicas e puntos de lectura da provincia.