Multitudinaria edición do festival Surfing the Lérez

Pontevedra
16 de xuño 2024

A Illa das Esculturas viviu este sábado una das edicións máis multitudinarias do Festival Surfing the Lérez nos doce anos de historia desta romaría urbana, familiar, solidaria, inclusiva e gratuíta

Surfing the Lérez
Surfing the Lérez / Mónica Patxot

A Illa das Esculturas viviu este sábado una das edicións máis multitudinarias do festival Surfing the Lérez nos doce anos de historia desta romaría urbana, familiar, solidaria, inclusiva e gratuíta.

O tempo aliouse coa organización para ofrecer dous días nubrados pero sen choiva e con boa temperatura o que animou ao público para acudir ata a Illa do Covo para gozar desta "Máquina del Buen Rollo" que é o Surfing, tal e como cantaron The Rapants. 

A banda indie de Muros ofreceu o seu concerto á unha e media da tarde despois de que Los Marcianos abrisen o día con enerxía unha hora antes. Logo seguiu Parking Dust  e o seu indie rock, seguido por Meu.

Os nenos contaron cunha programación especial, un Entroido Infantil e o concerto de Dani Barreiro & Kids.

Polos catro escenarios (Sala Karma, Vibra Mahou, O Panderetas e Gastro) pasaron sen pausa o trío vigués Caldo coa súa reinterpretación de melodías tradicionais galegas, do dúo indie zaragozano Lady Banana e os DJ de Karma que animaron a festa.

A partir das cinco da tarde, foi a quenda do punk rock elaborado polas boirenses Agoraphobia, os madrileños Atención Tsunami, seguido por Señora DJ e Camellos.

Os Niños Mutantes despedíronse ao grande do público pontevedrés. E ás nove da noite o protagonista era o compostelán Futuro Alcalde, explorando sons electrónicos e punk ata que lle roubou o protagonismo a enerxía despregada por Terbutalina.

A noite na Illa das Esculturas tivo varios nomes propios: BB Wav + Elba, o cantautor Joe Crepúsculo, Ortiga, Maefield e Gorllitox.