Nathy Peluso encabezará un Bigsound 2026 que traerá a Pontevedra a Ana Mena, Beret, Nil Moliner ou Natalia Lacunza

Pontevedra
19 de setembro 2025

Todos eles serán as principais cabezas de cartel do festival Bigsound 2026, que regresará ao parque de Tafisa, en Pontevedra, os días 17 e 18 de xullo do próximo ano

Nathy Peluso
Nathy Peluso / PontevedraViva

Aínda cos ecos da súa primeira edición en Pontevedra sen apagar, o festival Bigsound desvelou os primeiros nomes para 2026.

A artista arxentina Nathy Peluso será unha das cabezas de cartel do Bigsound 2026, que regresará ao parque de Tafisa os días 17 e 18 de xullo do próximo ano.

Xunto a ela, os organizadores avanzaron unha decena de concertos máis.

Así, pisarán o escenario pontevedrés artistas da talla de Ana Mena, Beret, Nil Moliner ou Natalia Lacunza, que sen dúbida atraerán a miles de espectadores.

Ademais, Besmaya, Despistaos, Lucho RK ou Mafalda Cardenal formarán parte deste cartel.

Ana Mena e Nil Moliner
Ana Mena e Nil MolinerPontevedraViva

En Bigsound repetirán, por outra banda, dous de artistas que xa actuaron este ano. Trátase de Juan Magan e do arxentino Luck Ra, que volverá interpretar 'La morocha' en Pontevedra.

Os abonos para o Bigsound 2026, que se porán á venda o vindeiro luns 22 de setembro, poderanse adquirir desde os 59 euros.

Na súa edición de 2025, segundo os organizadores, máis de 35.000 persoas pasaron polo festival durante os seus dous días, xerando un impacto económico na cidade de 14 millóns de euros.