O campus conmemora o Día de Rosalía con música e poesía

Pontevedra
16 de febreiro 2024

Contará coa actuación do Crúas e un recitado de María do Cebreiro

Día de Rosalía
Día de Rosalía / Universidade de Vigo

Por segundo ano consecutivo, o campus de Pontevedrasumarase á Alborada para Rosalía.

Trátase dunha iniciativa promovida pola Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, na que se convida a músicos a interpretar unha alborada na honra da poeta no día no que se conmemora o aniversario do seu nacemento. 

Farao no marco do acto conmemorativo desta efeméride programado para o venres 23 ás 20.00 horas na Casa das Campás e no que a música correrá a cargo do dúo Crúas, completándose cun recitado de poemas de Rosalía da man da escritora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela María do Cebreiro.

Aberto ao público ata completar a capacidade da sala, este acto conmemorativo insírese na programación cultural do campus, así como "no compromiso da Universidade co idioma", como lembra o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. 

"Nestes tempos nos que estamos vendo que a utilización do galego descende de xeito manifesto, sobre todo entre a xente nova, queríamos poñer o noso gran de area na consecución do obxectivo de que se poida racionalizar o uso do galego en todos os ámbitos", engade Torres respecto dunha das motivacións centrais dun acto que podera seguirse tamén en directo neste enlace de Youtube. 

POESÍA E MÚSICA

Tras as verbas de benvida por parte da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, este acto conmemorativo abrirase coa interpretación musical do poema 'Ora, meu meniño' da autora homenaxeada, a cargo de Crúas, un dúo conformado pola pianista Iria San Marcial e a cantante e clarinetista Alba Ermida e nacido, como explican, "para poñerlle música a palabras de poetas galegas".

A continuación a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña encargarase de presentar a María do Cebreiro Rábade, unha poeta e ensaísta que proporá neste acto unha lectura de poemas de Rosalía de Castro. 

Tras a súa intervención, Crúas porá música aos poemas Versículos na neve, de Helena Villar Janeiro; Mata-lo tempo, de Xela Arias, e Premontaña, de Olga Novo. Finalmente, o acto pecharase coa interpretación da Alborada de Rosalía, coa que a Vicerreitoría sumarase novamente a unha iniciativa na que convídase a compartir nas redes sociais as diferentes pezas interpretadas co cancelo #AlboradaparaRosalía.