O cineclube de Pontevedra pon punto e final á súa programación de decembro este sábado 21 coa proxección de 'O Meu Veciño Totoro', de Hayao Miyazaki.
Trátase dunha sesión especial para os máis cativos e que á vez serve tamén como despedida deste ano 2019 no que o cineclube proxectou máis de corenta películas. A proxección, que se realizará dobrada ao castelán, celebrarase ás 12:00 no Teatro Principal, e contará con entrada de balde ata completar aforo.
'O Meu Veciño Totoro' trátase quizáis da cinta máis icónica do Studio Ghiblie, un estudio de animación xaponés que ao longo de máis de trinta anos cultivou a varias xeracións de audiencias. Os seus máis de vinte longametraxes tiveron un tremendo éxito tanto crítico como comercial, e o seu imaxinario fantástico particular tivo un gran calado na cultura popular.
Nesta cinta en particular cóntasenos a historia das irmás Satsuki e Mei, que van vivir ao campo co seu pai para poder estar máis preto da clínica onde se recupera a súa nai. Alí descubrirán todo un mundo fantástico de espíritos cos que trabarán amizade.
Ficha
Título: 'O Meu Veciño Totoro'
Director: Hayao Miyazaki
Ano: 1988
País: Xapón
Duración: 86 min.