O Pazo da Cultura de Pontevedra participa nunha nova edición das Residencias Paraíso, o programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas.
As personas interesadas poderán presentar a súa proposta até o 26 de febreiro e un comité de persoas expertas valorará a integridade artística do proxecto.
As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro de 2024.
Paralelamente, os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón, os artistas residentes seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que é unha entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia.
Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar.
O Colectivo RPM considera que normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.