O 'Premio Xoán Manuel Pintos ao compromiso coa lingua' que organiza o Concello de Pontevedra reinventouse para a edición deste ano coa intención de "aumentar a participación cidadá". Por primeira vez, as persoas interesadas en propoñer candidatos ao galardón, poderán facelo a través dun formulario aberto ao público na web municipal.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou este luns a nova edición do premio -a sétima- e explicou que conserva as dúas categorías que tivo desde a súa creación e engade unha a maiores, de modo que este ano concederanse tres galardoes.
As tres categorías premian a unha persoa, empresa, asociación ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e normalización da lingua galega ou pola promoción de actividades que impliquen a súa difusión. Ata agora, unha recoñecía a quen destacaba neste campo durante os últimos dous anos e outro a quen destacaba pola súa traxectoria profesional ou vital. A categoría nova condecorará ás persoas elixidas entre as propostas presentadas pola cidadanía.
As propostas para as dúas categorías tradicionais presentábanas os membros do xurado e as da nova poderán presentalas persoas físicas, xurídicas, argupaciones ou entidades a condición de que cubran o formulario que pode descargarse da páxina web pontevedra.gal/premio-Pintos18 ata o próximo 14 de febreiro.
O premio valora cinco criterios fundamentais: unha tarefa continua desenvolvida en favor da normalización lingüística do galego, actuacións concretas en favor da normalización dos usos sociais da lingua galega, uso habitual e normal desta lingua nas súas actividades e servizos, campañas de información ou publicidade en galego e contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
Este galardón non ten dotación económica, senón que os elixdos recibirán un pergamiño acreditativo e poderán reflectir a posesión deste distinción na súa actividade normal. Entregarase o día 15 de marzo nun acto público.
En anos anteriores levaron esta distinción Luís Davila e Migallas Teatro (2016), Pavís- Pavós Contacontos, a empresa ReiZentolo, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, a Aula Castelao de Filosofía, o presidente da sección segunda da Audiencia Provincial, Xosé Xoán Barreiro ou o debuxante Kiko da Silva.