O Salón do Libro despídese ata o ano que vén con 'Contos do Grunge' da man de RockLab

Pontevedra
07 de maio 2023

'Contos do grunge' foi a proposta do Rocklab este ano no Salón do Libro. Sesenta nenos deron vida a unha historia onde os viaxeiros interdimensionais coñeceron as diferentes formas de xogar, imaxinar a través da literatura e facer música desde os anos 90 ata a actualidade

'Contos do Grunje' da man de RockLab
'Contos do Grunje' da man de RockLab / Cristina Saiz

O alumnado de 4 a 9 anos foi este domingo o encargado do espectáculo de clausura do Salón do Libro con 'Contos do grunge'. 

O espectáculo botou a andar cunha breve intervención da concelleira de Cultura, Carme Fouces para despedir esta edición do Salón que pecha logo de 17 días, máis de 300 actividades desenvoltas e miles de nenos, familias e centros de ensino que gozaron delas.

Fouces agradeceu a toda a xente implicada activamente neste proxecto e tamén quixo destacar a labor do equipo de traballo. 

A valoración deste Salón é "moi positiva", manifestou Fouces. "A pandemia fixo algo a favor: Ser conscientes do que perdemos e agora que o reuperamos a xente o abrazou dunha forma alucinante", engadiu.

Cun par de historias fantásticas como fío condutor – uns exploradores perdidos na selva de Colombia por mor dun xogo de mesa e unha invasión extraterrestre - o numeroso público puido gozar de 8 pezas.

Na maior parte foron versións de 'El pescador' (canción colombiana), 'Cariñito' de Novedades Carminha e outras de The Offspring, Daft Punk ou Pearl Jam e outros temas grunge dos 90, e tamén algunha de creación propia como 'Chiptune 1' ou 'Chiptune 2'.

Ao remate, tivo lugar unha sorpresa onde todo alumnado, nais, pais e ata a propia concelleira Carme Fouces, subiron a cantar xuntos e despedir o Salón por todo o alto ata o ano que vén.