Xa levan 18 anos de vida. Para celebralo, Os Chichisos chegan cunha biografía baixo o brazo cun título moi axeitado: De vello, gaiteiro!
Trátase dunha obra de Rafael Quintía, antropólogo, economista e músico tradicional. Neste traballo o autor percorre a historia desta asociación cultural e grupo de música tradicional.
O libro sírvelle ao autor para repasar as case dúas décadas de traballo a prol da divulgación da cultura musical tradicional galega en todas as súas vertentes. Deste xeito, na publicación aparecen biografías dos músicos, historia da agrupación, actividades didácticas, obradoiros, colaboracións culturais, artigos, fotografías, prensa, concertos, festas e romarías. O grupo destaca, sobre todo, polas actividades dos Cantos de Reis e durante a festa do Samaín con motivo do Día de Defuntos.
De vello, gaiteiro! inclúe, ademais, un catálogo de 33 cadros do artista Francisco Sutil, obras onde Os Chichisos son os protagonistas da súa obra pictórica.
A presentación será este xoves 25 ás oito do serán na Casa das Campás.