Os 'libros para xogar' ilusionan a nenos e maiores nos primeiros compases do Salón do Libro

Pontevedra
24 de abril 2023

Frenética, como non podía ser doutra maneira, está a ser a actividade nestes primeiros compases da XXIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Centos de nenos e nenas gozaron xa das múltiples actividades da súa programación

Actividades no Salón do Libro dedicado aos "libros para xogar"
Actividades no Salón do Libro dedicado aos "libros para xogar" / Cristina Saiz

Frenética, como non podía ser doutra maneira, está a ser a actividade nestes primeiros compases da XXIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Centos de nenos e nenas gozaron xa das múltiples actividades da súa programación.

Ao longo desta fin de semana, a asistencia de público foi continua, demostrando que este evento, que está totalmente consolidado na cidade, segue sendo un dos máis esperados e queridos dos que se celebran en Pontevedra.

Seguindo a temática elixida este ano, os "libros para xogar", e con Colombia como país invitado, a programación do Salón ofreceu numerosas propostas nos seus primeiros días.

Así, ademais da inauguración da mostra Había Outra Vez, a compañía Cé Orquestra Pantasma ofreceu o seu espectáculo Fíos do querer, Pakolas presentou Ramona pequena vai á Lúa e A Gramola Gominola fixo o propio con As que máis molan.

Houbo ademais, entre outras actividades, obradoiros de videoxogos clásicos, cociña colombiana, tipografía, xogos artísticos ou ilustracións, contacontos con Pavís Pavós, Paula Carballeira, Elvira Ribeiro e Sofía Venzel ou música para bebés con Vero Rilo e Sonsoles Penadique.

Desde Colombia, pola súa banda, chegaron autores como Diego Alejandro Ruiz e Carolina Rueda, que protagonizaron unha sesión de lectura de contos colombianos.

A programación do Salón do Libro para os próximos días pódese consultar na súa páxina web.

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará até o próximo 7 de maio, ten actividade todos os días. De luns a xoves, de 17:00 a 20:00 horas; e o venres, de 17:00 a 20:30 horas. Os sábados e domingos están de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.