Percorridos en 360º e visitas a museos e monumentos para unha corentena moi cultural

Pontevedra
28 de marzo 2020

Durante a corentena, a cultura segue. Este é o espírito que guía distintos departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo para poñer ao alcance da cidadanía unha programación con abondosas actividades de lecer cultural en rede na provincia de Pontevedra

Biblioteca do Mosteiro de Poio
Biblioteca do Mosteiro de Poio

Durante a corentena, a cultura segue. Este é o espírito que guía distintos departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo para poñer ao alcance da cidadanía unha programación con abondosas actividades de lecer cultural en rede na provincia de Pontevedra.

Trátase de propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue nos portais e redes sociais de máis dunha vintena de dotación como museos, bibliotecas ou arquivos, entre outros. Con esta etiqueta, o Goberno autonómico convida a sumarse ás institucións culturais do país, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.  

Dentro desta programación destacan as visitas e percorridos en 360º que se ofrecen desde a páxina web de Turismo de Galiciae que permiten coñecer, sen saír da casa, preto de 15 conxuntos monumentais da provincia de Pontevedra, entre eles, o mosteiro de San Xoán de Poio. 

Tamén ofrece a posibilidade de visitar a través de distintos soportes algúns dos exemplos da riqueza patrimonial de Galicia como supoñen os complexos monumentais como Santa María de Armenteira ou o mosteiro de San Pedro de Tenorio. Outros monumentos visitables grazas a este recurso son San Salvador de Lérez, Santo Domingo, San Francisco, Santa Clara ou o convento das Benedictinas de Cuntis.

Paralelamente, aínda que tanto o Arquivo Histórico Provincial como as bibliotecas xestionadas pola Xunta, entre elas a de Pontevedra, non están abertas, seguen a ofrecer variados recursos e materiais de entretemento a través da súa páxina web e redes sociais. Nestas dotacións, ademais de consultar os fondos dispoñibles online, é posible obter préstamos dixitais, sen necesidade de dispoñer de carnet da biblioteca, a través de GaliciaLe, a plataforma de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico. 

Outra opción de actividades de lecer chega da man dos museos. O Museo Massó de Bueu inclúe un percorrido completo polas salas expositivas para contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria e conta cunha oferta de audiovisuais para difundir o legado do mar. 

O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ofrece a través da súa páxina web diferentes imaxes e recursos que permiten afondar no patrimonio cultural e paisaxístico a través dalgúns dos máis fermosos e significativos petróglifos de Galicia. 

A iniciativa #aculturasegue pretende recoñecer, no medio desta difícil situación, o papel sobresaínte que os creadores, axentes e dotacións culturais galegos tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar, que propicien a consolidación de bos hábitos e prácticas culturais.