Ponteatro encende os seus focos con "A lúa vai encuberta" de Manuel María

Pontevedra
11 de outubro 2021

Tito Asorey, Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo son os protagonistas de A lúa vai encuberta, a obra coa que arrancará o vindeiro xoves 14 de setembro unha nova edición do ciclo Ponteatro. Representarase no Teatro Principal, a partir das 21:00 horas

Escena da obra "A lúa vai encuberta"
Escena da obra "A lúa vai encuberta" / Lucía Regueiro / Incendiaria Teatro

Tito Asorey, Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo son os protagonistas de A lúa vai encuberta, a obra coa que arrancará o vindeiro xoves 14 de setembro unha nova edición do ciclo Ponteatro. Representarase no Teatro Principal, a partir das 21:00 horas.

A lúa vai encuberta é unha coprodución do Centro Dramático Galego coa Casa Museo Manuel María e está interpretada polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante.

Esta peza, dirixida por Tito Asorey coa dramaturxia de Vanesa Sotelo, foi a gañadora do segundo Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.

A acción céntrase na realidade galega e na loita incesante por conformar unha identidade propia, enfrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións.

Todo parte de 1977. Celébranse as primeiras eleccións xerais e a Agrupación Cultural Auriense aborda os ensaios de A lúa vai encuberta, que Manuel María escribiu para eles.

Pero, no medio do proceso, o colectivo desfíxose. Corenta e catro anos despois, dúas novas compañías retoman o traballo no punto no que o deixaron.

As entradas para este espectáculo están á venda, a un prezo de oito euros, a través da plataforma Ataquilla.com.