RADIO.- Xeración Sónica: Malo Será que non cheguen lonxe. Esta banda promete

Pontevedra
10 de xuño 2023

Malo Será son veteranos no proxecto municipal Xeración Sónica. Seguimos coñecendo esta iniciativa e desta vez a este cuarteto pontevedrés no podcast de PontevedraViva Radio

Malo Será / Xeración Sónica

Como ben se sabe en Galicia: malo será... e así se chamaron os protagonistas desta edición de 'Xeración Sónica'. Malo Será están titorizados por Violeta Mosquera quen os describe como unha banda "moi ecléctica porque beben de moitas referencias" e por iso fixo un traballo de campo con eles escoitando moita música para que atopasen un punto común entre os membros do grupo. Así conseguiron facer "un rock moi marcado, moi fresco" con guitarras moi melódicas e un baterista que promete. Repiten neste programa municipal aínda que coa incorporación do cantante para esta edición.

Jorge Gil González (batería) apunta que 'Xeración Sónica é un proxecto innovador porque fomenta a creación de bandas entre adolescentes, o impacto de volver ver bandas tocando por Pontevedra e unha chea de cousas máis. Para min foi un privilexio estar catro anos participando neste proxecto". Tamén son veteranas Carmen Fernández Arruti Martínez (guitarra) e Celia Freire González (guitarra), destacando a súa experiencia persoal e a repercusión que ten para a súa xeración. Brais Moreiro Novo (baixo e voz) é a incorporación a Malo Será e di que os monitores "fomentan a nosa creatividade para facer cancións e é unha sorte vivir nunha cidade con iniciativas como esta".

"O percorrido de Xeración Sónica é curto e molaría que puidesen estar máis tempo; pero cando terminan, que saen a un mar cheo de peces e quenllas, polo menos teñen unhas ferramentas a man para poder facer un camiño sós. A min paréceme un proxectazo, xa me gustaría ser adolescente agora e poder optar a un programa destes", estima Violenta que ademais de mentora tamén é batería de Bala. Para este podcast interpretan o tema 'Mentres'. Pódese escoitar o programa completo na ligazón que se adxunta e descargalo na web de PontevedraViva Radio.