A XII edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu "terá un enorme impacto cultural na nosa contorna". Así o explicou o director do FICBUEU, Manuel Pena, na presentación celebrada durante a mañá deste luns a bordo dun catamarán. No acto tamén lle acompañaron representantes do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
O director de Agadic, Jacobo Sutil, apuntou que "o sector audiovisual galego vive un momento brillante", tanto no relativo á produción como á difusión e formación de novos públicos que xeran os festivais, destacando "a potencia que está a alcanzar o FICBUEU e o seu crecemento continuo".
Pola súa banda, a responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, destacou o papel que ten este festival na inclusión xa que se adoitan abordar temáticas sociais de plena actualidade como o papel da muller, o colectivo LGTBI ou as migracións.
O peche da rolda de intervencións levouna a cabo o alcalde de Bueu, Félix Juncal, que recalcou que "este festival foi crecendo da man da xente e da súa masiva asistencia".
Para os nove días que dura o festival (do 6 ao 14 de setembro), hai un total de 128 filmes programados, dos cales 70 veranse por primeira vez en Galicia e desas, un total de 30 exhibiranse por primeira vez en España, cifras récord para este festival.
Ás catro secciones habituais do festival, Galicia R, España, Internacional e Panorama, únenselle dúas novas, a Experimental e Nouvelle Vague, ademais das destinadas ao público máis pequeno.
Así mesmo, poderase gozar de 65 actividades entre as que se atopan as charlas de profesionais como o actor Luís Zahera, o director Xacio Baño, o produtor Sergio Frade ou a directora de arte Elia Robles.
A programación completa pódese consultar na páxina web do FICBUEU onde tamén se poden adquirir as entradas para as escasas actividades que non son gratis, xa que en case todas o acceso é libre e gratuíto.