A revolución artística de Itineranta deixa as rúas cheas de sorpresas e sorrisos

Pontevedra
19 de xullo 2025
Actualizado: 8:58

Este ciclo promovido polo Concello de Pontevedra dentro do programa das Festas de Verán, e coordinado e dirixido por Troula, xa é unha cita ineludible na Boa Vila

Itineranta, con Nacho Vilar Producciones & Yllana, Brincadeira e La Fam
Itineranta, con Nacho Vilar Producciones & Yllana, Brincadeira e La Fam / Cristina Saiz

O ciclo Itineranta pechou este venres a súa 14 edición, despois de encher o casco histórico con dez espectáculos a cargo de nove compañías de recoñecido prestixio.

Este ciclo promovido polo Concello de Pontevedra dentro do programa das Festas de Verán, e coordinado e dirixido por Troula, xa é unha cita ineludible na Boa Vila.

A terceira xornada, a deste venres, comezou ás 19:30 horas da man de Nacho Vilar Producciones & Yllana co seu espectáculo "Olympics" co que partiron dende a Avenida de Santa María fixeron parada diante do Liceo Casino e remataron na Praza de Curros Enríquez.

A súa proposta tiña como protagonistas a uns atletas que non lograron clasificarse para participar nos Xogos Olímpicos, así que decidiron montar a súa propia competición nun espectáculo disparatado e interactivo.

Os barceloneses Brincadeira saíron ás nove e media da noite do Teatro Principal coa súa proposta "Merograde", un espectáculo de batukada inspirado na evolución e no constante desenrolo impulsado pola velocidade do noso mundo.

E como remate de festa, o espectáculo con final pirotécnico de La Fam "Nomadesh". Unha proposta poética e espectacular que deixou a todos fascinados.