A artista Sara Gimeno, gañadora do 1º Premio do Xuventude Crea 2024 na modalidade de música, acaba de dar un paso importante na súa carreira ao lanzar “Bordeaux”.
O venres 7 de febreiro, a estudante de Comunicación Audiovisual no campus de Pontevedra, anunciou este primeiro single vía instagram (@_saragimeno). Nel explora o xénero R&B, expresando a morriña da súa estancia na cidade francesa.
Sara comezou dende moi pequena na música e o seu percorrido é amplo, pasando polo conservatorio e esténdese a unha variedade de actuacións en diferentes locais e institucións, coma o concerto como solista coa banda de música A.C."Belas Artes" de Cangas.
A cantante canguesa tamén sube covers ás súas redes sociais de cancións de artistas como Jorja Smith ou Etta James, facéndose un oco no panorama musical galego.
Nesta entrevista desenfadada Sara preséntanos a súa proposta musical con ecos de nostalxia.
Saray: Como foi o proceso creativo da canción “Bordeaux”?
Sara: O proceso creativo da canción foi bastante sinxelo porque creo que é das cancións que máis rápido compuxen ata agora (risas), e das que máis rapidamente quedei satisfeita. Moitas veces escribo, ou bueno, compoño unha canción e non me disgusta pero non me acaba de convencer, entón doulle moitas voltas e igual fago cambios máis grandes.
Nesta saíu todo moi fluído e iso que o motivo polo cal comecei a escribila foi curioso. Queríame ir a un concurso da Universidad de Vigo e pensei que tiña que ter seis cancións. Ao final resulta que non (risas), que o seis era o máximo. Pero bueno, eu tiña cinco e fáltabame unha e dixen: "pois bueno vou compoñer unha canción". Como pensara fai tempo que me gustaría facer unha canción sobre Burdeos, pois dixen: "pois o vou a facer". E iso, empezoume a saír todo só.
Non me acordo por que empecei exactamente, pero collín uns acordes que empecei a repetir todo o rato e compuxen no GarageBand co midi unha liña super simple. Logo, Antón Noche compuxo unha incrible a partir dela. Metinlle tamén unha batería co GarageBand e así creei a demo da canción. Logo, no estudio Xirín, Pablo Langa que é o dono dalí do estudio, gravou a batería, eu gravei o teclado, a liña do baixo de Antón e así quedou a canción.
Sy: Por que elixiches ese título?
Sara: O título escollino porque Bordeaux é a cidade onde estiven o ano pasado de Erasmus, en Burdeos. Foi unha época na que me inspirei moito e na que comencei a compoñer. A canción fala sobre esa época e sobre esa nostalxia que sentín ao volver. Bordeaux paréceme a palabra máis identificativa para a canción.
Estiven dudando de si poñer o título en francés ou si poñelo en castelán e chamala Burdeos, pero realmente pareceume que Bordeaux era máis bonito e auténtico, entón chameina así.
Sy: Cales son as túas influencias para este tema?
Sara: Por un lado hai un artista que penso que me influenciou bastante e é xustamente de Burdeos, chámase Aupinard. Non todas as súas cancións son do estilo de "Bordeaux" pero hai algunha que si. En concreto hai unha que se chama 'Parisienne High Level' que me gusta moito e, nese momento, tamén me gustaba moito e empecei a darme conta do importante que era o baixo nesa canción para darlle o rollo R&B, que era o que eu buscaba en "Bordeaux". Por eso empeza co baixo e logo vanse sumando o resto de instrumentos.
Logo, a nivel de letra, tamén me influenciou un pouco porque hai veces que Aupinard menciona Burdeos, en concreto nunha canción di "Et dans les rues de Bordeaux" (medio cantando). Gustoume moito esa frase e utiliceina na canción.
Despois, non tanto a nivel composición da canción porque por entonces aínda non coñecía a canción da que vou falar agora, pero si para buscar ese son e a instrumentación, que xa tiña composta. Máis ben, para buscar o son global creo que me influiu bastante unha canción de Nathy Peluso que é 'Buenos Aires'. Gústame moito e, de feito, penso que non só me influenciou nesta canción senón noutras que teño compostas e son de ese estilo.
Sy: Anunciaches vía instagram que vas comezar un proxecto musical, tes pensado sacar un EP ou eso é un secreto polo momento?
Sara: Non é que sexa un secreto pero como aínda estou traballando no que vai saír máis adiante prefiro non anunciar demasiado por se acaso. O que si está claro é que vou seguir sacando música, cada vez máis. Espero (risas). A verdade é que estou moi ilusionada con este proxecto.

Sy: Que obstáculos conleva ser unha artista local?
Sara: Eu creo que o maior obstáculo de ser unha artista local ou emerxente é principalmente a falta de medios e iso é o que engloba todo o posterior. Ao final tes que pagar unha gravación, un videoclip, buscar os concertos e despois facer todo o papeleo. Entón tampouco te podes dedicar unicamente a compoñer, por exemplo. É algo que no momento no que o fas enche moito de satisfacción pero si que é un gran esforzo, tanto de tempo como economicamente.
Aínda que eu estou empezando, intúo que se algo non da o resultado que pretendías pois pode ser bastante frustrante. De momento é cousa de ir facendo pouquiño a pouquiño e é o que vou ir facendo eu.
Sy: Cando empezaches na música?
Sara: Non sei dicir exactamente cando comencei porque eu na música levo dende que teño memoria. Xa dende pequena empecei a ir a Música e Movemento aquí en Cangas e seguín no conservatorio. Comencei a tocar o clarinete e metinme na banda Belas Artes de Cangas. Aínda que todo eso iba máis orientado ao clarinete, a min sempre me encantou cantar entonces en cada posibilidade que tiña de cantar en calquer sitio pois o fixen.
Cando entrei na carreira coñecín a Victor Chao e a Javier Gómez, dous amigos que tocan a guitarra, e con eles tamén comencei a facer certos proxectos. Despois apunteime a clases de canto con Carmen Rey e, a cousa dun ano, foi cando comencei a compoñer. Atrevinme un pouco a sacar as miñas propias cancións e iso é no que ando agora. Comezar na música a verdade non sei, porque sempre estuven dalgunha forma.
Sy: Nestes comezos no mundo da música, algunha anécdota destacable pola súa singularidade?
Sara: Anécdotas non se me ocorren moitas. No Xuventude Crea, que é un concurso a nivel Galicia de cancións, ao que me presentei con “Bordeaux” e “Quérote”. Fun acompañada de Antón, Victor e Adán Rodal á batería. O caso é que estábamos moi nerviosos porque non puidemos ensaiar moito e non todos, pero eu en concreto sentín que non me saíra moi alá e quedeime así como toda compunxida.
Entonces estábamos pensando que non íbamos a gañar nin de coña e, ao final, cando de repente nos dixeron que si, acórdome que empezamos a dar botes e a min colléronme en volandas (risas). A verdade é que foi unha alegría.
Sy: Como compaxinas a doble vida de ser unha chica normal e cantante ao estilo de Hannah Montana?
Sara: Por momentos pode ser un pouco estresante, non tanto polo que é o proxecto e cantar en si, porque é o que máis me gusta facer e dedicaríalle todo o tempo do mundo. Pero ao final, si que a suma desto máis outros proxectos, a carreira e outras situacións que se dan, cando se xunta todo pode ser un pouco estresante.
Tiven momentos de estar bastante estresada por estas cousas, pero ao final é algo que me enche moitísimo e merece a pena completamente. Eu estou encantada.
Sy: Cal é o teu talento oculto?
Sara: Un talento oculto que teño é que sei mover unha orella (risas). Vén do meu pai, porque de feito el sabe mover as dúas. É curioso o meu porque eu sei mover unha pero non a outra.
Sy: Cantas na ducha? Se é así, cal é a mellor canción para performar nese caso?
Sara: Si, obviamente canto na ducha e de feito non só na ducha, senón en calqueira sitio. Non sabería dicir cal é a mellor canción para cantar porque depende moito da canción que teña metida na cabeza ese momento.
Igual na ducha non tanto, pero mentres estou cociñando ou o que sexa, unha canción de salsa pode ser moi boa. Faiche moverte, alégrate moito. E se é solo pa cantar na ducha, que aí tes que estar un pouco quieta se non queres abrirte a cabeza, pois algunha que sexa moi emotiva e que poidas berrar.
Sy: Hai algo que queiras dicirlle ao teu “eu” do futuro?
Sara: Non sei moi ben que lle diría porque non sei ben en que situación vai estar. Igual o que a min me gustaría escoitar da miña eu do pasado pois o orgullosa que estaría de min, quero pensar vaia (risas). Entonces eu penso que ao meu "eu" do futuro diríalle que o faga, esté facendo o que esté facendo, e que o estará facendo o mellor que poda. E que vou estar orgullosa dela.
Con "Bordeaux", Sara explora o seu propio son e sentimentos. Ademais, promete seguir sacando música, revelando que “Quérote” posiblemente sexa o seu próximo lanzamento.