Soutomaior homenaxeará este domingo, 21 de abril, ao escultor e artista local Bernardo Seoane. O acto terá lugar ás 19:30 horas na contorna do campo de petanca de Arcade.
No acto proxectarase un documental sobre a obra e figura do artista, realizado polo documentalista Breikus.
Tras a proxección terá lugar a presentación da escultura O camiño das estrelas, unha obra realizada polo propio homenaxeado e doada ao Concello de Soutomaior; e unha actuación musical a cargo do Balbuena&Seoane.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou a "fonda gratitude" de toda a veciñanza con Bernardo pola doazón desta escultura, "para que todas e todos poidamos gozar da súa obra, sempre ligada á vangarda, a natureza, a estética industrial e a tradición".
Lourenzo destacou a traxectoria de Bernardo Seoane, vencellada ao servizo da arte e a cultura de Soutomaior a través das súas esculturas
"Non é só un grandísimo artista. É un veciño do noso concello que coa súa obra leva décadas a deixar unha fonda pegada no imaxinario de toda a veciñanza de Soutomaior", subliñou o alcalde, para quen "non se pode entender o noso concello hoxe sen ter presente a importancia de Bernardo para a nosa cultura popular".