O Auditorio de Vilagarcía internacionalízase en febreiro cun espectacular tributo a Enya interpretado pola cantante holandesa Hille Bemelmans, coñecida no panorama musical mundial por ter compartido escenario con artistas como Mike Oldfield, Sting e Joe Cocker, entre outros. O Mystic Dreams de Enya porase en escena o sábado 16 de febreiro ás 21.00 horas.
O espectáculo que está xirando por toda España cunha excelente acollida por parte de crítica e público, promete sorprender xa que, ademais de contar coa mellor mostra da música New Age que aportan os temas de Enya, a escenografía traslada ao espectador a un mundo máxico, cheo de misticismo do que poderá gozar cos cinco sentidos grazas aos sorprendentes decorados, os xogos de luces e as proxeccións audiovisuais.
O espectáculo Mystic Dreams supón unha oportunidade única para que os vilagarciáns e os veciños da provincia poidan gozar da característica música de Enya, xa que a cantante irlandesa non realiza concertos.
A excelencia do espectáculo conta co aval da calidade da cantante que pon a voz aos temas de Enya e ao destacable elenco de músicos internacionais que compoñen a banda, entre eles o percusionista Trevor Murrell, que tocou con George Michael, Mike Olfield, Sade e Simple Minds entre outros. A banda conta con piano, teclados, guitarras, percusión, baixo, violín, gaita e voces.
As entradas xa se poden adquirir a través da web www.servinova.es ao prezo único de 25 euros. Tamén se poderán comprar o mesmo día do concerto, na billeteira do Auditorio a partir das sete da tarde.