'Utopías', de Galia Blanco, inaugúrase o 10 de abril no Ateneo Santa Cecilia

Marín
04 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A sala do Ateneo Santa Cecilia de Marín acollerá esta mostra ata o sábado 27 de abril

Cartel da exposición de Galia Blanco
Cartel da exposición de Galia Blanco / Ateneo Santa Cecilia de Marín

O mércores 10 de abril ás 20.00 horas inaugúrase a exposición pictórica 'Utopías' da artista Galia Blanco coa presenza do pintor Antón Sobral, que realizará a presentación.

Nesta mostra ofrécense traballos da artista compostelá residente en Poio que forman parte das series 'Eternas' e 'Harmonía'. 

Combínase a abstracción de xogos de cores coa forza e a intelixencia das mulleres tanto reais como de ficción a través de retratos.

Xornalista e pintora, Galia Blanco compaxina a arte e a comunicación durante a súa traxectoria profesional 

Como artista destacan os seus 'Popsportraits', retratos pop cos que comezou a súa carreira e que continúa realizando por encargo. Tamén se fixo coñecida por series como 'Agropop', onde ofrece unha combinación entre o rural de Galicia e a arte contemporánea.

A mostra permanecerá aberta na sala de exposicións do Ateneo Santa Cecilia de Marín ata o sábado 27 de abril.