Este venres, 18 de outubro, o Multiúsos de Arcade converterase nun espazo para a diversión coa representación teatral de 'Vicio houbo sempre'.
Esta peza, interpretada pola actriz Atenea García da compañía de teatro Xarope Tulú, chega ao Concello de Soutomaior a través da súa área de Normalización Lingüística, dentro do programa cultural +Escénicas, impulsado pola Deputación de Pontevedra.
A función dará comezo ás 21:00 horas, cunha entrada totalmente gratuíta ata completar a capacidade da sala.
As portas do recinto abriranse media hora antes, ás 20:30 horas, para facilitar o acceso ao público.
A representación está dirixida a un público adulto e promete unha sesión cargada de historias de vida, música e moita diversión.
"Vicio houbo sempre" parte dunha singular idea: contar as vivencias e recordos de mulleres maiores de 85 anos.
Historias que falan sobre a súa vida íntima, a súa relación co desexo e o pracer, e como en moitas ocasións, abordaban temas considerados tabús en épocas pasadas, como a sexualidade.
Un dos puntos de partida da obra foi unha frase que resume a proposta: "Vicio houbo sempre, gracias a Dios!", unha expresión que abriu a porta a un universo de confesións e recordos.
A obra, que forma parte do xénero de narración oral, recolle testemuños reais de mulleres que viviron en tempos onde moitos aspectos da vida, especialmente os relacionados co pracer e o sexo, eran censurados ou ocultos.
A través do humor e a honestidade, estas mulleres compartiron con Atenea García os seus pensamentos e anécdotas, deixando claro que moitas das cousas supostamente prohibidas sempre formaron parte da vida.
A narradora vai tecendo estas historias persoais nun fío común que convida á reflexión e á risa.