A actividade deportiva regresa estes días ao campo de fútbol Mari Paz Vilas cunha mellora que aportará funcionalidade e confort aos usuarios das instalacións municipais de Bamio.
Trátase da viseira instalada en paralelo ás bancadas coa finalidade de proporcionar unha zona de paso protexida fronte á chuvia e o vento.
Os traballos nos que o Concello de Vilagarcía investiu 25.410 euros xa están rematados polo que os clubs residentes xa poden gozar da mellora na pretemporada que comeza.
O Concello de Vilagarcía atende con esta obra unha petición trasladada polos clubs usuarios da instalación deportiva de Bamio, que demandaban unha zona de abrigo pola que poder transitar en paralelo ás bancadas sen mollarse nos días de chuvia.
O soportal, de 30 metros de longo, mellora a funcionalidade e as condicións de confort das instalacións cando chove, tanto para os deportistas, técnicos e árbitros nos seus desprazamentos dos vestiarios ao terreo de xogo, como para o público que accede ás bancadas dende o aparcamento habilitado na parte traseira das gradas.
A estrutura parte da saída dos vestiarios e discorre pegada a estas, por diante das dependencias situadas no semi-soto.
A actuación executada pola firma Planificación Desarrollo y Gestión de Contrucciones tamén incluíu a instalacións dos canlóns para a recollida de augas da cuberta.
OBRADOIRO DE SOCORRISMO
Por outra banda, a resolución da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia denegando ao Concello de Vilagarcía a subvención para a posta en marcha dunha nova edición do obradoiro Labora Xove adicada ao socorrismo causou sorpresa e malestar no executivo local.
A formación era a única proposta en toda a comunidade autónoma a través do programa de emprego para persoas mozas. A especialidade impartiuse por primeira vez en 2017 e dende entón celebráronse 5 obradoiros que permitiron formar a 40 socorristas acuáticos.
O proxecto do Labora Xove 2024 inclúa tamén un módulo de xardinería, para o que tamén se denega a subvención.
O goberno local considera que os criterios de valoración deben primar as profesións con maior demanda e que, como a de socorristas, representan cada ano unha problemática para todos os concellos con praias.